- Martiño Noriega a Bugallo: “Abandone o amor de verán co Partido Popular e respecte a maioría progresista da Corporación”
- O PSOE mente ao asegurar que non orza o arranxo do muro de Fontiñas porque non hai proxecto
Compostela Aberta votou hoxe en contra dos orzamentos municipais de 2019, aprobados grazas á abstención do PP. Martiño Noriega reiterou no Pleno celebrado este mediodía que “CA non se sente corresponsabilizada nunhas contas que xiran á dereita e que Bugallo someteu ao debate da Corporación despois de telas acordadas co Partido Popular”. Nesa liña, o concelleiro volveu lamentar que “o Goberno do PSOE elixira como socio preferente ao PP, sen ter mantido ningún contacto previo con Compostela Aberta e sen ofrecernos a posibilidade de facer achegas a un documento que non é técnico senón político”.
Martiño Noriega incidiu en que “CA non pode apoiar uns orzamentos que reducen sensiblemente as partidas para Políticas Sociais e para Emprego, e que eliminan actuacións comprometidas despois de acordos plenarios, como o muro das Fontiñas ou o Campo da Festa do Castiñeiriño, e mesmo compromisos do propio Bugallo como o arranxo do centro cívico de Salvador Parga, unha vez que se lle nega á veciñanza da zona vella a Casa Elisa e Jimena Fernández de la Vega”. “Tampouco podemos absternos cando o PSOE opta por borrar calquera pegada do anterior mandato, suprimindo os proxectos seleccionados nos Orzamentos Participativos por case 5.000 persoas, veciños e veciñas que se implicaron nunha iniciativa que era da institución”, engadiu o portavoz de Compostela Aberta. Martiño Noriega salientou que “o Goberno de Bugallo non fai estes recortes porque non haxa alternativas, porque mentres suprime estas actuacións incrementa as partidas para Festas e para a redacción de asistencias técnicas”.
O portavoz de Compostela Aberta lamentou que “o PSOE nos pida responsabilidade, cando en decembro contribuíron ao bloqueo dos orzamentos unicamente por cuestións electorais, por desgastar ao Goberno de CA e cortarlle o subministro, e sen importarlles os problemas da veciñanza”. Daquela, lembrou Noriega, os socialistas insistían en que non pasaba nada por non aprobar as contas porque habería un orzamento prorrogado sobre o que facer as modificacións de crédito necesarias, “e de feito Compostela Aberta fixo máis dunha vintena de modificativos para facer fronte ás obrigas do Concello”.
Nulo diálogo coa bancada progresista
Martiño Noriega incidiu tamén na falta de diálogo do PSOE “que trae os orzamentos a este Pleno esquecendo que ten dez concelleiros e concelleiras nunha corporación de 25”. Ao respecto, lembrou que “o Goberno socialista mantivo unha única xuntanza con CA sobre os orzamentos, despois da comisión de Facenda e cando xa non se podían facer achegas ao documento, unha actitude que contrasta co que foi o modus operandi de Compostela Aberta, que mantivo xuntanzas semanais con PSOE e BNG durante meses antes de levar as contas ao Pleno”. O portavoz de Compostela Aberta pediulle ao Goberno socialista que “abandonen o amor de verán co PP e respecten a maioría progresista da corporación. Volvan en setembro, e nós tenderémoslles a man para falar dos orzamentos de 2020, pero desde o respecto e non desde a submisión que pretenden”. O concelleiro tamén lamentou que “o PSOE impoña a súas novas formas arrogantes mesmo no debate plenario, que se celebrou sen Xunta de Voceiros previa e dando só un tempo total de 8 minutos para a exposición dos portavoces, algo que nunca aconteceu no pasado mandato nunha sesión tan importante como é a do debate das contas municipais”.
As mentiras do PSOE
No debate plenario, a concelleira de Economía e Facenda, Marta Abal, incurriu en varios argumentos falsos para defender a desaparición dalgúns proxectos no documento orzamentario. Un deles foi o relacionado co arranxo do muro das Fontiñas que, asegurou, “non se incluíu nas contas porque non había un proxecto aprobado”. O certo é que o proxecto para o arranxo do muro da rúa París foi aprobado pola Xunta de Goberno do 22 de decembro de 2018, tal e como se recolleu no seu momento na web municipal.
Do mesmo xeito, a concelleira Marta Abal insistiu en que sen orzamentos non se podería aplicar a subida salarial ao persoal municipal, que vén cobrando o aumento do 2,25 por cento desde xaneiro grazas a un modificativo de crédito aprobado polo Goberno de Compostela Aberta. Tal e como informou no seu momento o sindicato maioritario do Concello, só quedaría pendente unha suba do 0,3 por cento, que se podería aplicar cun modificativo de crédito.