Rafael Peña demándalle ao Goberno que impulse a aprobación do Pacto polo Rural

  • Rafael Peña lembra que no pasado mandato quedou preparado o borrador do acordo, que fixaba un investimento mínimo de 2,5 millóns de euros anuais nas parroquias

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2019.- Compostela Aberta levará ao Pleno ordinario deste mes de setembro unha proposición na que insta ao Goberno a impulsar a aprobación do Pacto polo Rural, un acordo que fixaría uns obxectivos mínimos de investimentos nas parroquias de Santiago ata o ano 2026. O concelleiro Rafael Peña deu conta da iniciativa, e lembrou que “no pasado mandato quedou definido o borrador dese pacto, un documento que todos os grupos da corporación consideraban necesario e que contaba co visto bo de FERUSA, a Federación de Asociacións Veciñais do Rural”.

O concelleiro de Compostela Aberta lembrou que “as parroquias de Santiago sufriron un importante déficit de investimentos nas dúas últimas décadas, que será imposible de paliar se non hai un acordo a longo prazo, que implique a todas os grupos da Corporación para que vaia máis alá das cores do Goberno”. Rafael Peña explicou que “será preciso un esforzo a longo prazo, que lle dea continuidade ao traballo que desenvolvemos nos pasado mandato”. Nesa liña, lembrou que “o Goberno de Compostela Aberta destinou integramente ao rural os 2,5 millóns de euros anuais dos Plans de Investimento dos POS da Deputación da Coruña, así como fondos propios, moitos deles canalizados a través dos Orzamentos Participativos”. “Esta aposta”, salientou Peña, “contrasta co abandono que sufriron as parroquias nos 13 anos anteriores do alcalde Bugallo, ao que instou a empezar a tratar á veciñanza do rural como cidadáns de primeira”.

Plan de investimentos a longo prazo

O borrador do Pacto polo Rural fixa o compromiso das forzas políticas de consignar “non menos de 2,5 millóns de euros por cada un dos exercicios orzamentarios do período 2019-2026, ata sumar un total de 20 millóns de euros en oito anos. Aínda que non se establece un programa de actuacións concretas, o documento fixa unha serie de áreas de prioridade de investimento: o mantemento e a ampliación da rede de equipamentos socioculturais e deportivos; o mantemento da rede viaria e a mellora das pavimentacións; as actuacións de mellora da seguridade viaria; a ampliación da rede de saneamento e abastecemento; e a mellora do alumeado. Por último, o borrador do Pacto polo Rural apuntaba á necesidade de impulsar actuacións para a protección e conservación do patrimonio etnolóxico das parroquias de Santiago. Ademais, engadiu Rafael Peña, FERUSA ténlle presentado aos catro grupos da Corporación un documento que fai tamén unha primeira diagnose das demandas e carencias das parroquias en cuestións como servizos básicos, planeamento, mobilidade, desenvolvemento sustentable, medio ambiente, cultura, lecer, información, comunicación e participación.

Chamamento a outras administracións

Na proposición presentada hoxe, Compostela Aberta tamén require ao Goberno local que inste ás administracións competentes a “asumir os compromisos que teñen pendentes nas parroquias de Santiago, nomeadamente vinculados ao mantemento da rede viaria”. Rafael Peña explicou que existen dúas demandas históricas cara ao Ministerio de Fomento que o Executivo de Sánchez Bugallo non pode esquecer: “a mellora da N-525, fundamentalmente a humanización da estrada ao seu paso pola parroquia do Eixo; e a mellora da N-550 ao seu paso polas parroquias de Marantes e Enfesta”. Ademais, o concelleiro lembrou que a Xunta de Galicia e a propia Deputación da Coruña teñen actuacións pendentes en Compostela, nos viarios que son da súa competencia. 

 

Consulta aquí a proposición presentada por Rafael Peña: 

PROPOSICIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE A APROBACIÓN DUN ‘PACTO POLO RURAL’ PARA GARANTIR O INVESTIMENTO NAS PARROQUIAS DE SANTIAGO (PDF)

Novas
relacionadas

CA recuperará e ampliará os Orzamentos Participativos “porque a veciñanza debe decidir máis alá das eleccións”

María Rozas: “A veciñanza de Santiago tén dereito a participar das decisións que lle afectan, e o Goberno tén a obriga de render contas”

María Rozas pídelle ao Goberno que explique cando vai impulsar o proceso de Orzamentos Participativos acordado con CA

María Rozas: “Non hai ningún motivo para que Bugallo agarde a xaneiro para levar os orzamentos ao Pleno. Salvo que non os teña feitos”

A concelleira de Compostela Aberta urxe ao Goberno a someter as contas á aprobación da Corporación “porque é evidente que non tén pensado negociar nada”

María Rozas: “Bugallo menospreza á veciñanza ao non executar os proxectos elixidos nos procesos dos Orzamentos Participativos”

A concelleira de Compostela Aberta repasou as actuacións dos OPs que o Goberno do PSOE non executou malia a contar coas partidas orzamentarias precisas

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo