• O concelleiro lembra que un estudo realizado en 2018 cifraba en 3,6 millóns de euros o investimento preciso
  • CA presenta unha proposición na que tamén insta ao Goberno a realizar un plan para levar o saneamento a outras zonas do rural ata 2028

Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha proposición na que insta ao Goberno a dotar de abastecemento e saneamento de auga aos núcleos urbanos do solo rural nun prazo non superior a catro anos. O concelleiro Rafael Peña lembrou que “no pasado mandato realizouse un estudo que cifra en 3,6 millóns de euros o investimento necesario para acometer esas actuacións, unha cantidade que é asumible para o Concello nun prazo de catro anos”.

Rafael Peña explicou que en Santiago “existen núcleos rurais que están clasificados como solo urbano no PXOM, e iso tradúcese nunha carga impositiva similar á do resto dos solares urbanos e a imposibilidade de que as persoas propietarias se beneficien das bonificacións contempladas para o rural por carencia de servizos”. A falta de servizos impide, ademais, que estes solos teñan a consideración de solares e, xa que logo, que sexan edificables. O concelleiro apuntou que no pasado mandato “o Goberno encargoulle un informe á mesma empresa redactora do PXOM vixente, do que se conclúe que sería preciso un investimento total de 3,6 millóns de euros para levar o saneamento e o abastecemento a estes núcleos, unha cifra asumible en catro anos para un Concello que ten uns orzamentos de 100 millóns de euros anuais”. Ademais, explicou, “ese investimento encaixaría perfectamente no compromiso adquirido polo Pleno na súa sesión de setembro, cando se aprobou a proposición que recollía o Pacto polo Rural acordado con FERUSA no que se fala dun investimento mínimo de 2,5 millóns de euros anuais nas parroquias”. 

Ademais, a proposición presentada por Rafael Peña insta ao Goberno a elaborar, ao longo dos próximos catro anos, un plan plurianual que permita abordar a dotación do abastecemento e o saneamento no resto dos núcleos do rural, no período 2024-2028.

Núcleos sen servizos básicos

Tal e como se recollía no informe realizado por Oficina de Planeamento e entergado a finais de 2018, das 31 formacións periurbanas recollidas no PXOM, 23 teñen abastecemento de maneira integral e catro de maneira parcial; e 19 teñen infraestrutura de saneamento de maneira total e cinco de maneira parcial. As maiores carencias teñen que ver coa rede de saneamento das zonas periurbanas de Barciela, Marantes e Enfesta. 

No conxunto do rural, e tal e como recolle FERUSA no seu informe “O rural que queremos”, dos 215 núcleos rurais que tén Santiago, 125 non teñen saneamento, 112 non teñen abastecemento de auga, e 90 non teñen nin saneamento nin abastecemento. Só  70 núcleos do rural contan con abastecemento e saneamento, o que supón un 32,6 por cento do total. A dotación de servizos é significativamente mellor nas parroquias do sur do Concello.

PODES LER AQUÍ A PROPOSICIÓN PRESENTADA POR COMPOSTELA ABERTA PARA A DOTACIÓN DE SERVIZOS BÁSICOS DE ABASTECEMENTO E SANEAMENTO EN TODO O TERMO MUNICIPAL

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies