Estes días estase a falar e moito dos #Remanentes2015 e dos proxectos que o goberno local acometerá grazas a este diñeiro. Pero, que son exactamente? Neste post solucionamos as principais preguntas e dúbidas en relación a esta figura
Que son os remanentes?
Son os sobrantes do orzamento dun Concello ao finalizar o ano. No caso de Santiago, contamos cun remanente positivo de 5,4 millóns de euros.
Que pasa con ese diñeiro? En que se pode gastar?
O que un concello pode facer cos remanentes, é dicir, con ese diñeiro sobrante vén marcado pola lei. Deste xeito podemos facer dúas cousas: ou ben pagar débeda de forma anticipada ou destinalo a investimentos financeiramente sostibles.
Que son os investimentos financeiramente sostibles?
Aqueles investimentos e só investimentos (polo tanto non se pode dedicar ao mantemento) que teñen unha vida útil superior a 5 anos, excluíndose polo tanto compra de enseres, mobiliario…
Canto vai investir o goberno cos remanentes?
Dedicaranse 2,2 millóns de euros a este tipo de investimentos e 1,6 millóns ao pago de débeda para reducir o que debe o noso Concello e poder destinar máis cantidade do orzamento de 2017 a proxectos de cidade. O 1,6 restante gardarase ata despois do verán para calquera eventualidade que poida xurdir.
Por que o goberno elixe eses proxectos e non outros?
Os proxectos elixidos responden a auditoría cidadá feita polos vecinos e as veciñas do noso Concello despois das máis de 30 xuntanzas mantidas co tecido asociativo no último ano. Hai moitas demandas (como a rehabilitación da Casa das Máquinas, a reurbanización da Rúa Cancelas, etc) que son peticións históricas destes vecinos e veciñas e que consideramos fundamental priorizar. A maiores incorporamos aquelas peticións que os partidos da oposición fixeron durante o periodo de negociación de orzamentos e que non se puideron incorporar no seu momento como a mellora nas instalacións deportivas municipais.
Están informadas as asociación veciñais?
Os concelleiros de Facenda, Espazos Cidadáns e Equilibrio Territorial, María Rozas, Jorge Duarte e Rafael Peña reuníronse na tarde de onte co tecido asociativo do Concello para explicarlles de forma pormenorizada estes proxectos. Xunto a esa explicación entregóuselles un dossier con todos os investimentos por parroquias e a contía que se destinará en cada caso.
Ata cando se poden gastar eses cartos?
A lei obriga a que teñamos que licitar, adxudicar e executar os proxectos antes do 31 de decembro de 2016. É por iso que incorporamos investimentos cuxas cantidades nos permiten un tempo de tramitación máis breve, para garantirmos así que executamos os investimentos de aquí a final de ano.