En Compostela Aberta temos un modelo de cidade á medida das persoas, non un modelo de negocio para as grandes promotoras. Un modelo realista, pero ambicioso e serio para desenvolver na próxima década. Este martes, o alcalde e candidato á reelección, Martiño Noriega, e os concelleiros de Obras, Rafael Peña, e de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, presentaron o 4º reto do Programa para conseguir ‘Máis Futuro’ para Santiago: Estratexia de Humanización dos Barrios 2020-2030.
Eixos Norte e Sur
Por unha banda, implica actuar sobre os Eixos Sur e Norte da cidade.
No Eixo Sur xa comezamos co proxecto de transformar o Vial Clara Campoamor nun bulevar urbano que suture a fenda que agora existe entre a Pontepedriña e o Ensanche da man da Intermodal. E iremos máis alá, planificando tamén a humanización do Restollal, Amor Ruibal e a conexión coas rúas laterais.
No Eixo Norte, iremos a pola humanización de Xoán XXIII e da contorna para conectar os barrios das Marías con Vite, ademais de mellorar a accesibilidade da zona.
Co Plan Vite, iremos a pola reurbanización de diferentes rúas (Federico García Lorca, Carlos Maside, Irmandiños, Guadalupe e Celso Emilio Ferreiro) ademais de intervir na mellora de parques e instalacións deportivas e educativas como xa fixemos ao longo deste mandato.
+Máis Barrios
Un modelo para as persoas, con obras para unha cidade accesible e inclusiva que afrontará importantes actuacións no próximo mandato noutros catro barrios: Conxo, Fontiñas, Romaño e Sar.
En Conxo, propomos crear unha gran praza no Campo de Conxo, afrontar a reforma da Avenida de Ferrol, humanizar o contorno da rotonda, e incorporar unha nova zona verde e un espazo multiusos cuberto nas proximidades da praza da Mercé”.
No caso de Fontiñas, a principal aposta será a reurbanización da rúa de Madrid, e no Romaño “continuaremos coa actuación de humanización desde a rotonda da Torreira”. Por último, Rafael Peña explicou que no barrio de Sar “iniciaremos a segunda fase das obras de Castrón D´Ouro e reurbanizaremos a Ponte de Sar
Contra a especulación no Ensanche
E no Ensanche, témolo claro. Non queremos que a especulación co vello Peleteiro acabe co comercio local, como si parecen pretender o PSOE de Bugallo e o PP de Agustín Hernández. Non queremos un Cancelas no medio do Ensanche, queremos un espazo humano e residencial, con vivenda de protección e un centro de día.
Planificaremos dunha vez que facer coa Praza de Galicia, que ten que ser un punto de encontro entre a cidade vella e o Ensanche e humanizar as rúas aínda pendentes, como Santiago de Chile e converter o Hórreo nun Bulevar.
Non son promesas para un ano. Nin para un só mandato. Pero si é unha visión de futuro para unha Compostela que queremos máis accible e inclusiva. E coa vosa axuda, podemos facelo.