Compostela Aberta comprométese a invesstir 20 millóns de euros no rural nos próximos oito anos, ao abeiro do Pacto Rural impulsado por FERUSA, estender a rede de saneamento e abastecemento, e continuar dotando ás parroquias de espazos sociocomunitarios cubertos.
Son algunhas das propostas de Compostela Aberta para lograr “Máis equilibrio para termos un rural vivo”, o noveno dos 13 retos da formación para o próximo mandato. O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, presentou hoxe as propostas programáticas, acompañado por Graciela Carro, que ocupa o número 16 na lista de Compostela Aberta, e que está vinculada ao asociacionismo veciñal, na parroquia de Marrozos.
Graciela Carro explicou que unha das razóns que a empuxaron a formar parte da candidatura liderada por Martiño Noriega foi, precisamente, que “Compostela Aberta demostrou neste mandato que o rural era unha prioridade, puxo en marcha medidas para acabar co abandono que viñamos sufrindo as parroquias desde hai décadas, colocounos no mapa”. A candidata mostrouse convencida de que “só un goberno de Compostela Aberta garante que o rural siga recibindo os investimentos que precisa, porque ao longo destes catro ano fíxose un esforzo que nunca antes se fixera, destinando ás parroquias os máis de dous millóns de euros anuais dos Plans de Obras da Deputación da Coruña”.
Graciela Carro salientou, ademais, que “nestes catro anos, o Goberno local deixou de pensar que o rural só demandaba asfaltados, e incluíu ás parroquias noutros proxectos que para a veciñanza son importantes, desde a dotación de equipamentos sociocomunitarios ata as actividades de empoderamento feminista, pasando polas partidas específicas do proxecto dos Orzamentos Participativos”.
Nesa liña, a candidata apuntou que “Compostela Aberta aposta clamaramente por un rural máis vivo, cun tecido sociocomunitario fortalecido, no que se desenvolvan actividades culturais diversas, e no que se impulsen medidas para poñer en valor o tecido produtivo”. Graciela Carro recoñeceu que “aínda que se avanzou nestes catro anos, queda moito por facer no rural, e é por iso que apostamos activamente polo Pacto polo Rural, impulsado por FERUSA”
Pacto polo rural
O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial reiterou que “o déficit de investimentos nas parroquias nos últimos vinte anos obriga a comprometer agora un orzamento que sexa de abondo para paliar as carencias acumuladas, e sobre as que xa traballamos nestes catro anos”. Rafael Peña lembrou que “no último mandato destinamos ao rural os dous millóns e medio de euros anuais dos Plans da Deputación, ademais de fondos propios, e o noso compromiso é investir outros vinte millóns de euros nas parroquias nos próximos oito anos”, un compromiso que o concelleiro asegurou “levaremos ao primeiro pleno do vindeiro mandato”.
Ademais, ao abeiro do Pacto polo Rural, o concelleiro mostrou o seu desexo “de acadar un acordo coas outras administracións para afrontar actuacións tan necesarias como a humanización da estrada Nacional 550”. Un dos principais obxectivos, explicou o edil, será “poñer en marcha un plan para levar o abastecemento e o saneamento aos núcleos do rural que carecen destes servizos, que se fan imprescindibles porque a veciñanza non pode depender únicamente dos seus pozos privados cando estamos diante dun risco cada vez maior de seca e de contaminación de acuíferos”.
Ademais, no próximo mandato Compostela Aberta seguirá dotando ao rural de espazos sociocomunitarios cubertos, como os que están proxectados xa en Laraño ou Berdía; impulsará a dotación da banda larga nas parroquias mediante a colaboración coa Xunta, o Estado e as empresas operadoras, e impulsará novas formas de actividade económica, relacionadas especialmente coa agricultura ecolóxica.
Rafael Peña salientou que nos próximos anos “seguiremos traballando para mellorar a seguridade peonil nos viarios do rural, acondicionando cunetas rebasables ou sendas peonís, sobre todo nos contornos das igrexas e dos centros cívicos”. Tamén continuaremos “renovando a rede de alumeado, mellorando a súa calidade e eficiencia enerxética”, e instalarase a nova sinaléctica do rural, “cunha primeira fase que xa quedou adxudicada neste mandato”.