O alcalde e candidato á reelección Martiño Noriega , e a concelleira de Promoción Económica e número 4 da candidatura de Compostela Aberta, Marta Lois, explicaron este xoves ante os medios o 6º reto para ter “Máis Futuro para Santiago” e que pasa por ter “Máis industria para liderar en talento” e potenciar o sector secundario.

Santiago é moi potente no sector servizos, cun peso total no PIB da nosa cidade que supera o 80% (turimso, eixo comercial, sede das administracións públicas…). Por iso consideramos necesario fortalecer outros sectores como o secundario, co obxectivo de diversificar a nosa economía, ao tempo que a fortalecemos.

Por iso a nosa proposta de Compostela Aberta para o vindeiro mandato pasa por liderar a mesa pola reindustrialización de Compostela, creada durante estes catro anos con outras administracións como a Xunta, a Cámara de Comercio e a USC e onde quedou demostrada a falta de interese real do Goberno galego no proxecto. CA entende que non se pode retrasar máis esta aposta pola industrialización e dar os pasos definitivos na coordinación dos diferentes axentes económicos da cidade.

“Por iso, poremos xa en marcha os recursos necesarios para proporcionar un servizo óptimo ás empresas que desexan desenvolver en Santiago a súa actividade industrial. Esta colaboración traduciuse na captación de proxectos como BioIncubatech, Spin_up ou DATAlife, que consolidan a aposta polos sectores da biotecnoloxía e a madeira. Estes sectores foron escollidos pola presenza de empresas tractoras e grupos de investigación da USC, que ofrece posibilidades de desenvolvemento de novas actividades empresariais que pechen os ciclos produtivos”.

Xunto a isto Compostela aberta propón outras tres medidas que buscan a dinamización do sector secundario. Por unha banda, un Plan de incentivos económicos para a reindustrialización que favoreza a creación e o crecemento das empresas dos sectores da biotecnoloxía e da madeira que queiran asentarse no Polo industrial do polígono da Sionlla. Por outra banda, mediante o apoio das actividades industriais máis innovadoras “incentivando a realización de eventos singulares nos que promocionar os produtos e servizos innovadores, como fixemos durante este mandato coa Galicia Maker Faire”.

Finalmente, Compostela Aberta demandará do goberno do Estado que recupere a estación de mercadorías da Sionlla exixindo que se incorpore aos próximos orzamentos do Estado. “Reclamaremos que se constrúan os máis de 70.000 m2 que o actual PXOM xa ten reservado para este fin no Polígono da A Sionlla. Esta infraestrutura será peza clave para ter mellor éxito na extratexia industrializadora de Santiago”.

Emprego de calidade
A Compostela que avanza é aquela que tamén aposta por un emprego de calidade e por loitar contra a precariedade laboral. Por iso Compostela Aberta quere seguir impulsando accións como as levadas a cabo durante este mandato “con obradoiros de emprego nos que participaron arredor de 2.500 persoas, un 70% mulleres, e que teñen como finalidade ofrecer recursos e formación específica”.

Ademais de consolidar as accións xa implantadas, “impulsaremos un sistema de microcréditos a empresas” que permitan achegar recursos ás persoas emprendedoras con menos posibilidades de conseguir financiamento na banca comercial tradicional. Nese sentido apostarase polo talento, consolidando iniciativas innovadoras como “Talentia”, impulsada durante os últimos dous anos para captar e reter talento na cidade.

E como segue a existir unha importante fenda de xénero en materia laboral e salarial, Compostela Aberta quere poñer en marcha un programa de liderado empresarial e de emprendemento para as mulleres, dirixido a profesionais, directivas e emprendedoras “na liña das accións sobre as que comezamos a traballar nestes anos”. Queremos ofrecer formación, contactos e acompañamento a todas as mulleres que queren medrar profesionalmente de acordo cuns valores que favorezan a igualdade entre homes e mulleres.

 

Pequeno comercio
Protexer o comercio local e de proximidade é outro dos obxectivos de Compostela Aberta. Por iso continuarase colaborando co tecido comercial dos distintos barrios e dinamizando o pequeno comercio, evitando o establecemento de grandes zonas comerciais proxectadas nos anos da burbulla. “Non queremos outro Cancelas no Ensanche”. Por iso a clave está en seguir potenciando iniciativas como o programa “Con B de barrio” tras o éxito acadado durante este mandato.

“Agora daremos un paso máis creando un servizo estable de apoio para chegar a máis negocios e orientar os seus proxectos de mellora e innovación”. Xunto a isto desenvolverase un Plan de Dinamización Comercial da Cidade Histórica (xa proxectado e encamiñado) para darlle continuidade ao comercio tradicional e poñer limites ás tendas de recordos. “Estableceremos medidas de discriminación positiva para protexer o comercio tradicional, e promoveremos a apertura de novos establecementos de interese social, ordenando o comercio destinado en exclusiva a turistas”.

Finalmente promoveranse accións de innovación en barrios e parroquias, descentralizando as actividades que permitan divulgar a capacidade innovadora do tecido produtivo de Compostela. Impulsaremos as habilidades STEM especialmente entre a mocidade, para mellorar a industria do futuro.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies