Antes diso, os candidatos e responsables do programa electoral e o adxunto á coordinación de campaña; Jorge Duarte, Marta Lois e Miguel Penas presentaron ante os medios as liñas fundamentais do noso programa electoralque “quere seguir colocando á xente no centro das políticas públicas”.
O programa está composto por máis de 250 medidas divididas en cinco bloques temáticos. “Este programa electoral“, indicou Marta Lois, “non é só unha declaración de intencións, senón que reflicte o modelo de cidade que Compostela Aberta ten para Santiago e que se basea en facer do noso un Concello máis verde e sustentable, máis feminista, onde se aposta claramente polo reequilibrio territorial, pola cultura e o deporte e onde a economía está ao servizo das máis”.
Gran Capital
A Compostela Gran Capital ofrece a visión de Santiago como capital de Galicia, as nosas relacións coas outras institucións –Xunta, Deputación e Estado- e incorpora medidas relacionadas coa fusión de Concellos, como modo de gañar unha administración máis eficiente e con mellores servizos para a veciñanza. Tamén se propón “a creación dun cartón cidadán que simplifique o acceso aos servizos municipais” unificando a xestión dos distintos equipamentos. Neste bloque inclúense tamén as relacións coa Universidade, “para a que se propón unha colaboración mais estreita e establecer unha comisión de seguimento da mesma”.
Compostela que avanza
No segundo bloque inclúese o programa económico de Compostela Aberta, é dicir, todo o relacionado coas finanzas municipais, co emprego, co comercio ou co turismo.
Santiago é unha cidade de servizos que precisa ser máis forte no sector secundario. Por iso entre as medidas recollidas está “o compromiso de liderar dende o Concello a mesa pola reindustrialización ou seguir impulsando a Gobernanza do Turismo para que todos os récords destes anos repercutan no conxunto da veciñanza, sen esperar máis pola Xunta de Galicia, que nestes anos non nos deu a resposta axeitada”. De aí que se propoña aumentar o control sobre os apartamentos turísticos, limitando tamén as tendas de recordos no casco histórico e protexendo o pequeno comercio a través dun Plan de dinamización da Cidade Histórica.
A nivel laboral, o programa inclúe axudas a mulleres emprendedoras, o control das casas de apostas, o fomento do talento nos barrios ou a loita contra a precariedade laboral. E no eido das finanzas, Compostela Aberta propón ”seguir incrementando as bonificacións fiscais para os colectivos máis vulnerables”, gravar as vivendas baleiras, impulsar un sistema de microcréditos para PEMES ou lanzar o pagamento de impostos ‘á carta’.
A Compostela para vivir
Co goberno de CA ábrese un espazo de oportunidade para ordenar a nosa cidade dende o punto de vista do territorio, dos espazos cidadáns e da mobilidade. A isto súmanselle propostas para a xestión da nosa cidade. No que ten que ver coa ordenación do territorio, apostamos pola humanización e a planificación a medio-longo prazo dentro da ‘Estratexia Barrios’, que inclúe plans específicos para o Eixo Norte e Sur, o Plan Vite ou o Plan Ensanche, sen esquecer a idiosincrasia doutros barrios de Santiago. Nesa liña, o programa inclúe tamén medidas en materia de mobilidade impulsando medidas de calmado de tráfico e o fomento dos modos brandos de transporte.
O programa incorpora tamén un ‘Pacto polo rural’, impulsado por FERUSA para que “goberne quen goberne, se destinen 2,5 millóns de euros anuais ás parroquias, para compensar dunha vez por todas as décadas de abandono”. Ademais, existe tamén unha aposta clara pola Compostela verde, de tal xeito que “continuaremos traballando co Estado para conseguir a depuradora que Santiago merece e seguiremos ampliando o modelo ecosustentable que impulsamos neste mandato, con máis hortas urbanas, máis illas de compostaxe aproveitando a adxudicación do novo contrato do lixo e o remate do cinto verde con máis sendas”.
A Compostela dos coidados
Durante o primeiro mandato puxemos ás persoas no centro das políticas públicas, con medidas pioneiras como a ‘Ordenanza de Garantía Básica Cidadá’ ou a aposta clara polas bolsas de comedor ou a atención á dependencia a través do reforzo no Servizo de Axuda no Fogar.
Nos próximos anos, faremos unha Compostela máis inclusiva e accesible, que garanta os dereitos e a participación de todos e todas, sen consideracións nin diferenzas por idade, sexo, orixe, orientación sexual ou circunstancias económicas. Por iso o programa de CA incorpora a “construción dun Centro Integral de Atención ás persoas sen fogar” e tamén unha Renda de Garantía Infantil para promover a igualdade de oportunidades entre as crianzas. En materia de políticas feministas, continuaremos o traballo feito de facer do noso un concello territorio das mulleres, mantendo os obradoiros de empoderamento das mulleres do rural, consolidando o modelo de co-xestión da Casa das Mulleres ‘Xohana Torres’, continuando o traballo de sensibilización contra as violencias machistas e creando espazos de información e asesoramento para persoas LGTBI.
A Compostela que latexa
No último bloque incorpóranse medidas relacionadas coa cultura, o deporte, a participación e a lingua. Apostaremos, no vindeiro mandato, por reforzar os equipamentos culturais, incorporando tamén a aula de cultura de Caixa Galicia na Carreira do Conde como un novo espazo municipal. Tamén propoñemos seguir apostando por Santiago como cidade de cine, coa incorporación na rede de cidades creativas da UNESCO e crearemos un Bono Cultural único con bonificacións e descontos polo consumo de cultura na cidade.
A nivel deportivo seguiremos o camiño marcado neste mandato, cun plan de mellora dos equipamentos deportivos tras ter investido en catro anos preto dun millón de euros. Tamén queremos seguir fomentando o deporte de base e apoiar de maneira específica o deporte feminino. Entre os retos deportivos a futuro destacan a construción da Cidade da Raqueta e a nova etapa de XADE e o Multiúsos de Sar. Neste bloque tamén se inclúen medidas para ampliar a participación e continuar divulgando a memoria e o patrimonio da cidade, e os usos da lingua galega en Santiago. Compostela Aberta tamén quere continuar impulsando os mecanismos de participación iniciados neste mandato como os Orzamentos Participativos ou os Encontros ao Vivo.