• O Pleno aproba a emenda de CA que obriga a someter a fiscalización previa todos os gastos que teñan que ser aprobados polo Pleno, con independencia da súa contía, e aqueles que superen o medio millón de euros
  • María Rozas lamenta que o Goberno “volva levar a Pleno unha proposta tan relevante sen falar antes coa oposición, e entregando a información por fascículos”

O Pleno da Corporación municipal aprobou hoxe a emenda presentada por Compostela Aberta en relación á proposta do Goberno sobre o novo modelo de fiscalización dos gastos do Concello, de xeito que terá que haber ese control previo en todos os gastos que superen os 500.000 euros, e tamén naqueles que teñan que ser aprobados en Pleno. A proposta inicial do PSOE pasaba por suprimir a fiscalización previa en todos os gastos, con independencia da súa contía. A concelleira María Rozas salientou que “grazas á emenda de CA, manténse a seguridade xurídica nos grandes contratos, e tamén se asegura que todos os membros da Corporación municipal, incluídos os concelleiros e concelleiras da oposición, contan con toda a información necesaria antes de votar determinados gastos no Pleno”.

A proposta inicial do Goberno do PSOE supoñía a supresión de calquera tipo de control previo dos contratos, con independencia da súa contía. Isto, na práctica, afectaríalle a adxudicacións tan importantes como a do transporte urbano, que supera os 117 millóns de euros, ou a da auga, que superaría os 450 millóns, que poderían licitarse sen informes previos da intervención municipal”. A emenda presentada por Compostela Aberta, e que quedou aprobada cos votos do grupo socialista e do BNG, suporá que sexan fiscalizados todos os gastos que teñan que ser aprobados polo Pleno, con independencia da súa contía, e tamén todos os contratos que superen os 500.000 euros ou aqueles que superen este importe como consecuencia de rectificacións ou modificacións posteriores á súa aprobación inicial.

Maior seguridade xurídica

Na súa intervención, María Rozas lamentou que o Goberno levara a súa proposta a Pleno “sen ter antes falado coa oposición, sen ter explicado un expediente que, como vén sendo habitual neste mandato, lle chegou aos demais grupos por fascículos”. A concelleira de Compostela Aberta tamén lembrou as críticas do PSOE durante o pasado mandato, “cando se acusou a CA de escurantista por suprimir a fiscalización previa nos gastos menores de 500.000 euros”.

María Rozas rexeitou os argumentos do Goberno de Bugallo, que aseguraba que a supresión da fiscalización previa sería compensada cun maior control dos gastos a posteriori. A concelleira de CA lembrou que a fiscalización a posteriori “realízase por mostraxe, de xeito que non garante que se controlan todas as cuestións relevantes en todos os gastos; e ademais pode detectar cuestións nas licitacións que non se poden corrixir totalmente a posteriori”. Por iso, sinalou, a maioría das administracións teñen unha fiscalización limitada en función de determinada contía do gasto “para garantir a máxima seguridade xurídica nos contratos”.

Rozas agradeceu que o grupo socialista permitira co seu voto a aprobación da emenda de Compostela Aberta, “que só procura garantir a máxima seguridade nun momento no que están pendentes de licitar grandes contratos, e no que o Concello non está na situación máis acaída para realizar experimentos no control dos gastos”

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies