Xan Duro: “A concelleira de Deportes dá cada semana unha nova mostra de que non está á altura do cargo”

  • Compostela Aberta traslada o seu apoio aos equipos que non poden adestrar no campo polideportivo da USC por mor do atraso na renovación do convenio de uso
  • O concelleiro de CA pídelle a Esther Pedrosa que explique cando se aprobará o convenio de uso das pistas de atletismo da USC e que deportistas poderán facer uso das instalacións

O edil de Compostela Aberta Xan Duro denunciou hoxe que “o Concello de Santiago carece de facto de concelleira de Deportes, porque a persoa que ocupa ese cargo dános cada semana unha nova mostra de que non está á altura e de que é incapaz de resolver nin un só dos problemas que se lle presentan no departamento”. O concelleiro sinalou que “mentres aínda ten sen pagar as subvencións aos clubs deportivos correspondentes a 2021, agora Esther Pedrosa non é quen de buscar unha solución para que algúns dos equipos de fútbol da cidade teñan onde adestrar”. Duro mostrou así o seu respaldo ao Racing San Lourenzo, que hoxe mesmo se manifesta para denunciar a falta dun convenio que lle permita seguir adestrando no campo polideportivo da Universidade de Santiago.

Xan Duro explicou que o Racing San Lourenzo era un dos equipos que adestraba no campo polideportivo da Universidade de Santiago, que durante o pasado mandato foi acondicionado grazas a un convenio entre o Concello, a USC, a Deputación da Coruña e a Federación Galega de Fútbol. Ese acordo garantía o uso das instalacións por parte da comunidade universitaria, pero tamén de deportistas federados, ata o 31 de decembro de 2020. Para atender esta demanda, a Universidade comprometíase a reservar unhas horas semanais para o uso das instalacións por parte de deportistas federados, así como a garantir a apertura do campo nos horarios necesarios, ata as 23 horas e nos sábados e domingos.

Segundo denuncia o club San Lourenzo, “levan seis meses sen poder utilizar o campo da USC porque non se renovou o convenio de uso entre o Concello e a Universidade, e non hai noticias de que se vaia asinar un acordo novo que permita o uso das instalacións nos horarios e nas condicións que viñan sendo habituais”. O concelleiro de CA recordou que “a oferta de instalacións deportivas en Santiago é escasa para atender toda a demanda dos equipos de fútbol base, e o Concello non pode permitirse o luxo de renunciar á utilización dun campo no que se investiron 200.000 euros das arcas municipais”. Por iso, Duro reclamoulle a Esther Pedrosa “que dea explicacións e que garanta que na próxima tempada o campo polideportivo da Universidade estará ao dispor dos clubs de Compostela, porque ese era o acordo polo que foi renovado coa participación municipal”.

Pista de atletismo da USC

Xan Duro explicou que outra das frontes abertas da concelleira Esther Pedrosa refírese á utilización das pistas de atletismo da Universidade, renovadas grazas a un convenio de cooperación entre o Concello, a USC, a Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta. A achega municipal para estas obras foi de 150.000 euros, dun custo total de case medio millón de euros. O concelleiro de Compostela Aberta explicou que unha das cláusulas dese acordo establece que a Universidade facilitaríalle “o uso da pista de atletismo en horario ordinario e exclusivamente para o correspondente adestramento dun máximo de ata 50 deportistas federadas/os designadas/os e acreditadas/os polo Concello de Santiago de Compostela (…) desde o momento da sinatura do convenio que nos ocupa e ata que se inicien as obras ou despois da entrega destas de non mediar aínda un convenio específico de uso.”

O concelleiro de CA instou á  responsable de Deportes “a impulsar ese convenio específico de uso das renovadas pistas de atletismo para garantir que poidan ser utilizada polos diferentes clubs que veñen demandando unhas instalacións homologadas en Santiago”. Xan Duro lembrou que “ata 21 clubs de Santiago e da comarca impulsaron no seu día unha concentración e emitiron un comunicado para reclamar que as administracións dotaran á capital galega dunhas pistas de atletismo homologadas, nas que poder desenvolver competicións oficiais dunha disciplina na que temos en Compostela mil deportistas federados e federadas”. O edil explicou que “somos conscientes das dificultades para darlle acubillo a todos estes atletas, pero é importante que a concelleira de Deportes explique quen e como vai poder utilizar as pistas da USC renovadas con fondos públicos tamén do Concello de Santiago”.

Novas
relacionadas

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo