Compostela Aberta pedirá no próximo Pleno que a concelleira de Deportes dea explicacións sobre os motivos polos que os equipos da cidade aínda non cobraron as subvencións nominativas do ano pasado, transcorridos xa cinco meses de 2022. O concelleiro Xan Duro lamentou “a situación de precariedade na que están os clubs, diante do pasotismo de Esther Pedrosa, que leva tres anos demostrando un nulo interese na xestión do departamento”.
Xan Duro explicou que as subvencións nominativas “son fundamentais para que os equipos poidan manter o seu equilibrio económico, porque a maioría están en situacións precarias nas que esta achega xoga un papel fundamental”. O concelleiro de CA lembrou que “en Compostela temos máis dun cento de clubs de diferentes disciplinas deportivas, que perciben subvencións municipais de moi diferentes contías, que poden ir dos 800 aos 10.000 euros”. Duro incidiu en que o atraso no pago das subvencións “é algo xeralizado no Concello, como se desprende dos datos da liquidación do orzamento de 2021, pero no caso do departamento de Deportes a situación é especialmente preocupante e denota unha falta de dirección política na concellería”.
Interpelación no Pleno
CA interpelará no Pleno á concelleira de Deportes, para que Esther Pedrosa explique os motivos do atraso no pago das subvencións, lles aclare aos equipos cando tén pensado abonar estas axudas correspondentes a 2022, e adiante cales son as súas estimacións con respecto ás achegas deste ano.
Xan Duro sinalou que “Pedrosa non pode poñer máis escusas, e debe procurar fórmulas que garantan a supervivencia dos equipos deportivos”. O concelleiro lembrou que durante o pasado mandato, “o Goberno de Compostela Aberta mesmo habilitou o pago anticipado de parte das subvencións nominativas dos clubs, que nalgúns casos podía chegar ao 60 por cento, precisamente para evitar tensións financeiras nos equipos”. Esta preocupación contrasta, insistiu Xan Duro, “co desleixo dunha concelleira de Deportes que leva tres anos demostrando moi pouco interese na actividade e no día a día dos equipos da cidade, e que non é quen de nin de dar explicacións nin de procurar as solucións que os clubs levan meses demandándolle”.