• Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha moción para pedirlle ao Goberno que atenda as demandas da cidadanía e estude alternativas

“O alcalde de Santiago goberna de costas á veciñanza, e cada vez é máis evidente que nada aprendeu dos grandes erros que cometeu no pasado por esa actitude soberbia e autoritaria”. Así de contundente se mostrou Xan Duro, que explicou que o último exemplo da nula vontade de diálogo de Bugallo coa cidadanía é o que está a acontecer co proxecto da plataforma loxística de Meixonfrío. O concelleiro presentou hoxe a moción que Compostela Aberta levará ao próximo Pleno, para esixirlle ao Goberno que teña en conta a opinión dos residentes e busque localizacións alternativas para  ese centro de reparto.

Xan Duro mostrou o apoio de Compostela Aberta á concentración que a asociación veciñal da Casa Agraria tén convocada para mañá para mostrar o seu rexeitamento ao proxecto. O concelleiro lamentou que “unha vez máis, a cidadanía tén que mobilizarse para ser escoitada, e tén que facelo a partir de feitos consumados porque o Goberno local non tivo a ben celebrar ningunha xuntanza informativa sobre a plataforma loxística coas persoas que máis se verán afectadas pola súa construción. O edil de CA lamentou a actitude soberbia de Bugallo“que nos últimos días non fixo máis que desprezar á veciñanza, como vén sendo o seu modus operandi neste mandato e como o foi tamén nas súas anteriores etapas como alcalde”. Nesa liña, Duro lembrou as diferentes polémicas ás que se vén enfrontando o rexedor pola súa nula vontade de diálogo coa cidadanía, como as relacionadas coa operación Peleteiro, as obras de Concheiros, a construción do Imelga nas Fontiñas, a gasolineira de Brandía ou mesmo, anteriormente, o seu proxecto para a depuradora da Silvouta.

Temores veciñais

Xan Duro lembrou que a asociación veciñal Casa Agraria ten mostrado o seu temor ás consecuencias da instalación da plataforma loxística e reiterado “a súa lexítima aspiración a que a parcela elixida polo Goberno para a súa localización sexa destinada a usos múltiples e comunais, porque ese fora tamén o compromiso municipal previo”. O concelleiro de CA sinalou que “o Goberno debe estudar localizacións alternativas, como xa lle pedimos en setembro cando se formulaba unha plataforma loxística que tan só lle dera servizo á zona histórica”. Xan Duro insistiu en que “é incomprensible que o Goberno de Bugallo se negara a facer este estudo, sobre todo agora que soubemos que prevé a posibilidade de completar a plataforma loxística de Mallou cun centro asociado, dentro da cidade histórica, para centralizar a distribución de produtos frescos e refrixerados”.

Nesa liña, Duro sinalou que “non se entende que unha plataforma para o coñecido como reparto de última milla, situado a máis de 2,5 quilómetros dos seus puntos de entrega na zona histórica, con fortes pendentes que repercutirán negativamente tanto nos tempos de reparto como no consumo enerxético”.

Descoordinación e improvisación

O concelleiro de Compostela Aberta mostrouse convencido de que “Bugallo non se parou a reflexionar sobre o proxecto da plataforma loxística, porque non se entende que fale de acondicionar un aparcamento disuasorio nunha área máis comercial e industrial de Meixonfrío e unha plataforma loxística nunha área residencial, cando o sentido común di que as localizacións deberan ser xusto as contrarias”. Deste xeito, apuntou, “o aparcamento sería compatible coa área de lecer e campo da festa que veñen demandando os veciños na parcela pública de Mallou”.

Ademais, sinalou Xan Duro, “a descoordinación neste proxecto faise evidente porque, como xa denunciou CA hai meses, o Goberno prevé o financiamento da plataforma loxística a través de diferentes vías ao mesmo tempo, como son o programa SMARTiago, a programación do Consorcio para o periodo 2021-2032, e as axudas para a mellora da mobilidade e a modernización do transporte público convocadas polo Ministerio de Transportes”.

Moción no próximo Pleno

Duro reiterou que Compostela Aberta comparte a preocupación da veciñanza de Meixonfrío, e por iso levará ao próximo Pleno unha moción na que insta ao Goberno local a ter en consideración as opinións manifestadas polos residentes de Meixonfrío e Mallou; a reconsiderar a localización da plataforma loxística na zona reservada agora para aparcamento disuasorio; e a convocar á veciñanza para explicar en detalle os proxectos que lles afectan e máis os cronogramas previstos para as actuacións. Por último, CA demanda explicacións sobre a segunda plataforma loxística para produtos frescos e conxelados que o Goberno sinala que podería habilitar nunha zona máis próxima á cidade histórica.

PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA REAVALIAR E CONSENSUAR A INSTALACIÓN DUNHA PLATAFORMA LOXÍSTICA DE REPARTO DE MERCADORÍAS PARA A HOSTALERÍA DE SANTIAGO

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies