- CA propón aproveitar mellor o espazo para os vehiculos e unha reorganización dos horarios do estacionamento
“O Goberno de Bugallo estragou a proposta da peonalización de Mazarelos por mor da soberbia e da falta de diálogo que veñen caracterizando este mandato”. Así de contundente se mostrou hoxe o concelleiro Xan Duro, que lamentou que “o PSOE collera unha boa proposta que lle fixo Compostela Aberta, a executara mal e a medias, e agora se valga unicamente da vía policíal para impoñer medidas que non foron faladas e dialogadas cos colectivos afectados”.
O edil de CA lamentou a actitude que está a mostrar nos útlimos días o Goberno, e sobre todo o alcalde, en relación ás queixas de vendedores e clientela da Praza de Abastos tras a peonalización de Mazarelos. Para Xan Duro, “Bugallo volve evidenciar a súa prepotencia e a demostrar que a súa maneira de gobernar é pola vía da imposición e do autoritarismo, que prefire despregar á Policía e impoñer multas antes de escoitar ás partes afectadas polas modificacións en materia de mobilidade”.
Proposta mal implementada
Xan Duro lembrou que Compostela Aberta levou ao Pleno unha proposta “que partía dun estreito diálogo cos diferentes actores do mercado, cos que nestes días testamos que non se opoñen á peonalización de Mazarelos senón á maneira que tivo este Goberno de executala”. O concelleiro insistiu en que “o plan que CA defendeu foi moi mal executado e de maneira incompleta, e iso está a provocar un enorme malestar na Praza de Abastos que Bugallo non pode ignorar”.
Duro urxiu ao Goberno a executar diferentes medidas para garantir o éxito da peonalización de Mazarelos e para paliar os seus efectos na Praza de Abastos. Así, reclamou que se recuperen as prazas de aparcamento para automóbiles en Virxe da Cerca -onde agora hai motos que pasarían á zona detrás do Arco- e que se reordene a parte central da praza de San Fiz de Solovio para gañar prazas de aparcamento, dúas cuestións que CA xa sinalaba na proposta que defendeu no Pleno de marzo de 2021.
Melloras nos horarios
O concelleiro de Compostela Aberta tamén lle pediu ao Goberno que amplíe os horarios e as zonas de carga e descarga habilitadas para a Praza de Abastos, “para poder atender todas as necesidades do mercado, mesmo con algúns puntos para a descarga en horario de tarde”. Do mesmo xeito, propuxo que a zona ORA expres sexa ampliada ata as 20.30 horas, “para darlle servizo tamén ao comercio da zona histórica, e tendo en conta que a día de hoxe esas prazas están baleiras de 14 a 20.30 horas”.
Xan Duro incidiu na “vontade construtiva de Compostela Aberta, que nada tén que ver coa actitude deste Goberno que prometera peonalizar Mazarelos en outubro de 2020, que despois dixo que non o ia facer, pra finalmente executar a proposta de xeito moi deficiente, e sen o máis mínimo diálogo”. Para o concelleiro de CA, “é moi grave que non se fale con ninguén antes de modificar a mobilidade nunha zona tan ampla e especialmente sensible como é o contorno da Praza, pero aínda é máis incomprensible que Bugallo responda ás queixas de praceiros e clientes coa soberbia coa que o está a facer nos últimos días”.
O Pleno da Corporación aprobou en dúas ocasións a proposta de Compostela Aberta para a peonalización de Mazarelos. CA formulara para este ámbito una solución que pensa na conservación do patrimonio da cidade histórica e especialmente en aproveitar mello o espazo para que sexa útil e de proveito para o Praza de Abastos, creando unha bolsa de estacionamento express para as persoas usuarias do mesmo, que poida potenciar un mercado que é singular e unha xoia que debemos coidar, promover e preservar.