• O concelleiro denuncia que “o PSOE introduciu poucos cambios nos pregos que recibiu de Compostela Aberta, pero os que introduciu empeorarán notablemente o servizo do punto de vista económico e ambiental”
  • Duro lamenta que o Goberno renuncie ao modelo de compostaxe que prevía CA, “o único que permitiría cumprir a directiva europea de residuos”
  • Os pregos aprobados polo PSOE “volven caer no erro de apostar polas illas soterradas, cando se tén demostrado que son máis caras e teñen máis problemas de mantemento”

O concelleiro de Compostela Aberta Xan Duro denunciou hoxe que “o novo prego para a licitación do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria vai impedir, na práctica, que Santiago logre os obxectivos fixados pola Unión Europea en canto a recuperación e reciclaxe dos residuos”. O edil explicou que para cumprir a directiva europea de residuos de 2018, que sinala que en 2030 os concellos deberán recuperar o 60% dos desperdicios que xeran, “é imprescindible apostar pola compostaxe para o tratamento dos restos orgánicos, e o Goberno local fai xusto o contrario nestes pregos”. Duro sinalou que “a limitación da compostaxe é, precisamente, unha das poucas cuestións que o equipo de Bugallo mudou nos pregos que recibiu feitos de Compostela Aberta, un único cambio, para peor, no que, por riba, perderon case dous anos”.

O concelleiro Xan Duro fixo hoxe unha comparativa entre os pregos que o Goberno de Compostela Aberta deixara redactados ao remate do pasado mandato e os que vén de presentar a concelleira Mila Castro, “case dous anos despois, deixando esgotar a prórroga do contrato que finalizou hai xa un ano, e cando se comprometeu a ter licitado o servizo na primavera de 2020”. O edil incidiu en que “este atraso non está xustificado, porque o Goberno do PSOE introduciu poucos cambios nas condicións da licitación, conservando propostas que nós deixaramos planificadas como as illas de quita e pón na cidade histórica, a recollida porta a porta de residuos orgánicos para grandes produtores, ou os vehículos específicos de recollida para a zona vella”.

Máis custos económicos e ambientais

Para Xan Duro, a principal diferenza entre os pregos que deixara elaborados CA e os que vén de aprobar o Goberno de Bugallo tén que ver coa compostaxe, “unha cuestión na que o PSOE mostra unha enorme falta de valentía e unha visión da xestión da cidade ancorada no pasado”. O concelleiro explicou que nos pregos de Compostela Aberta “había unha clara aposta pola compostaxe, que chegaría ao 33 por cento da poboación a través de programas de compostaxe individual e comunitaria para o tratamento, in situ, dos residuos orgánicos”. Segundo explicou, “este sistema suporía, ademais dos múltiples beneficios ambientais, un aforro que estimabamos en 340.000 euros anuais en pagos a Sogama”. Esa cifra podería ser aínda maior, “porque hoxe mesmo coñecimos que a nova Lei de Residuos que tramita o Goberno contempla dous novos tributos que gravarán a incineración e o depósito en vertedoiro, que suporían que en Galicia os concellos terán que pagar 19 euros máis por cada tonelada de lixo que envían a Sogama”.

Por iso, Duro lamentou que o PSOE fíe por completo a recollida dos residuos orgánicos ao quinto contedor, para o seu envío a Sogama, “o que na práctica equivale a asumir que Santiago non cumprirá a directiva europea de residuos” que sinala que no ano 2030 os concellos deben recuperar e reciclar o 60 por cento dos residuos que xeran, e reducir o envío a vertedoiro ata o 10 por cento. Esa porcentaxe, apuntou o edil, “só se pode acadar actuando sobre os residuos orgánicos, que supoñen o 40 por cento da bolsa do lixo das familias, e iso só se pode facer a través da compostaxe”. A día de hoxe Compostela xa está incumprindo as directrices comunitarias, porque os municipios de máis de 5.000 habitantes estarían obrigados a recoller os residuos orgánicos de maneira separada desde o 31 de decembro de 2020, un prazo que non se cumpriu polo inxustificable atraso do PSOE na licitación deste servizo”

Para Xan Duro, “Bugallo volve deixar a Santiago atrás no que tén que ver coa xestión dos residuos, tal e como fixo xa no ano 2003 cando decidiu someterse ao modelo Sogama e impediu a construción dunha planta comarcal de compostaxe que tería sindo máis rendible económica e ambientalmente”. Agora, engadiu, “Bugallo volve novamente a fiar todo a Sogama, malia que este modelo xa tén demostrado o seu fracaso, porque nin recicla, nin recupera, nin dá abasto para tratar todo o lixo que recibe, como moi ben sabe a veciñanza da Grixoa por todo o que levan sufrido coa canteira de Miramontes”. Por iso, o concelleiro de CA lamentou que Bugallo “non tome exemplo doutars administracións como  a Deputación de Pontevedra, que tén en marcha un ambicioso programa de compostaxe individual e comunitaria no que participan 47 concellos”.

Modelo obsoleto

Outro dos cambios que o PSOE introduciu nos pregos tén que ver co modelo de contedores que se esixen ás empresas que opten ao contrato. Así, o Goberno de Bugallo volve apostar polas illas soterradas, ao contrario do que se prevía nos pregos elaborados por CA, “destinando 3,5 millóns de euros a este modelo que, como se vén demostrando nos últimos anos, só dá problemas tanto para a súa montaxe como para o seu mantemento”. Para el, “o Goberno reitera erros do pasado, optando por un modelo máis caro e ineficiente, que non evitará contedores en superficie porque non hai illas con espazo previsto para o quinto contedor”.

Por último, Xan Duro mostrou a súa estrañeza porque o prego para a licitación do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria contemple unha partida de case 275.000 euros para un sistema intelixente de control do servizo, que dependería da empresa adxudicataria. O concelleiro de Compostela Aberta lembrou que “ao abeiro do Smartiago xa está previsto un programa para a implantación da intelixencia artificial no tratamento de residuos, ao que se destinaban 500.000 euros, e que parece solaparse co que agora se inclúe na licitación”. Tamén lamentou que o PSOE “renunciara ao incremento do persoal que prevía CA nos pregos, e que mude iso por máis máquinas e máis gasoi”.

Un paso atrás na xestión dos residuos en Santiago 

O concelleiro de Compostela Aberta lamentou que “Bugallo impoña a súa visión desfasada da xestión dos residuos nun momento de cambios imparables neste ámbito, e que faga ademais que Santiago perda definitivamente ese tren cunha adxudicación que prevé por dez anos”. Ao respecto, Xan Duro explicou que CA prevía unha licitación por 5 anos, tal e como prevé a Lei de Contratos, que permite ampliar ese prazo só por causas moi xustificadas. O edil cuestionou os argumentos da concelleira Mila Castro, “porque a escusa da amortización dos investimentos non se sostén cando é posible que esa amortización sexa asumida por outra empresa nunha seguinte adxudicación, tal e como vai pasar agora coa nave do Polígono do Tambre que vén utilizando Urbaser”. Duro lembrou que a semana pasada o concello de Ames xa tivo que anular a licitación do seu contrato de recollida do lixo, ante a impugnación da Asociación de Pequenas Empresas Galegas “que precisamente poñía o foco na duración inxustificada de 10 anos do contrato e os escasos criterios de valoración”.

Xan Duro lamentou que a licitación do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria vai supoñer “un freo na boa evolución que estaba a ter Santiago en canto ás políticas ambientais e de tratamento dos residuos, froito do traballo desenvolvido no pasado mandato”. Así, recordou que “o Goberno de Compostela Aberta logrou o récord de recollida selectiva na historia do Concello, malia o incremento no total de lixo recollido, grazas a programas como os de compostaxe individual e comunitaria, a recollida porta a porta de vidro nos locais de hostalería da cidade histórica, o aumento dos contedores de vidro, as campañas de recollida de envases lixeiros nos locais de hostalería do Ensanche, o incremento dos puntos de recollida de aceite doméstico, ou a instalación de colectores para a recollida de roupa usada”. Ademais, o edil lembrou “o impulso que lle demos ao programa Tropa Verde, que vén recibido múltiples recoñecementos nos últimos anos”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies