Xan Duro: “O Goberno de Bugallo ten anunciadas tres vías distintas para mellorar o reparto na zona histórica, pero seguimos sen ver avances en ningunha”

O concelleiro de Compostela Aberta demanda “máis diálogo para buscar solucións consensuadas” e propón localizar unha plataforma loxítica en Galeras ou San Clemente 

O concelleiro de Compostela Aberta Xan Duro esixiulle hoxe ao Goberno de Bugallo “que aclare cales son as medidas concretas e os prazos que manexa para solucionar os problemas derivados do reparto de mercancías na zona histórica, porque a día de hoxe temos sobre a mesa anuncios de plans diferentes para lograr un mesmo obxectivo, e ningún resultado visible”. O edil explicou que o Concello parece ter abertas tres liñas diferentes de actuación no que tén que ver co reparto de última milla: unha delas vinculada ao proxecto Smartiago, outra ao Plan Estratéxico do Consorcio aprobado polo Real Padroado en xullo, e unha terceira relacionada cunha convocatoria de axudas do Ministerio de Transportes con cargo aos fondos europeos Next Generation. Para Duro, “estamos diante dun novo exemplo da descoordinación que vén demostrando este Goberno en asunto especialmente sensibles para a veciñanza”.

Xan Duro explicou que “é evidente que o reparto á hostalería e o comercio provoca certo caos, moitas molestias, e mesmo importantes deterioros no patrimonio da zona histórica, e por iso durante o pasado mandato previmos a creación dunha plataforma loxística de reparto dentro do proxecto Smartiago”. O concelleiro sinalou que esa actuación “formaba parte da liña de traballo da mobilidade intelixente sostible, que o Goberno de Bugallo decidiu modificar para gastar unha parte moi importante deses fondos europeos nas ducias de cámaras de control que xa se están instalando na zona vella”. Sí se mantivo con cargo ao Smartiago o contrato para o desenvolvemento de “vehículos eléctricos e dun living lab de loxística de última milla”, que se atopa en licitación cun orzamento de 560.000 euros.

Ao mesmo tempo, apuntou Xan Duro, o Plan Estratéxico do Consorcio para o periodo 2021-2032 “prevé destinar sete millóns de euros para, entre outros proxectos, o acondicionamento dunha parcela e a construción dun centro de aprovisionamento e para a adquisición de vehículos sostibles para o reparto”. O concelleiro de CA sinalou que “é preciso que o Goberno aclare se este proxecto se vai solapar ou é complementario ao do Smartiago, que tamén se refire á dotación de vehículos eléctricos para a loxística de última milla”. Tamén debe explicar, apuntou Xan Duro, “como se vai conxugar ese proxecto do Consorcio co que anunciou recentemente o alcalde para a construción dun centro loxístico de distribución de mercancías en Meixonfrío, para o que o Concello vai solicitar ao Ministerio de Transportes unha subvención de sete millóns de euros con cargo os fondos europeos Next Generation “casualmente a mesma cantidade prevista polo Consorcio no seu Plan Estratéxico para un proxecto que semella idéntico”. A todo isto engádese, apuntou o edil de CA, “un contrato menor para o desenvolvemento da estratexia de loxística urbana sostible na zona histórica de Santiago, por un importe de case 18.000 euros que, como vimos  denunciando, parece ser a tarifa plana do Goberno de Bugallo para todas as asistencias técnicas que contrata a dedo”.

Solucións urxentes

Xan Duro lamentou que, malia as diferentes vías abertas para un mesmo proxecto, “non parece que o Goberno de Bugallo estea a dar pasos en firme para solucionar o problema do reparto na zona histórica”. Ademais, o concelleiro de Compostela Aberta lamentou que “unha vez máis os concelleiros do PSOE obvian calquera tipo de diálogo coa veciñanza ou cos sectores afectados por esta situación, que demandan solucións a curto e medio prazo e que, segundo nos trasladaron en diferentes reunións, non acaban de ver con bos ollos a proposta de construír unha plataforma loxística en Meixonfrío”. O edil considerou “máis razonable” optar por localizacións máis próximas á cidade vella para esa infraestructura, e apuntou algunhas posibilidades como poden ser as antigas dependencias de Fenosa en Galeras ou a entreplanta do estacionamento de San Clemente. Tal e como explicou, “deste xeito moito do reparto podería realizarse a pé ou sen grandes desprazamentos de vehículos, e iso sería máis rápido, cómodo e sostible”

En calquera caso, incidiu Xan Duro, “o máis importante agora é que o Goberno convoque aos grupos municipais e ás asociacións veciñais, de comerciantes e de hostaleiros para explicar cal é a planificación e o cronograma que prevé para mellorar a loxística do reparto na zona histórica, atendendo aos intereses dos sectores directamente afectados, aos intereses da veciñanza, e á necesaria protección do noso patrimonio”.

PODES LER AQUÍ A PROPOSICIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA IMPULSAR DE FORMA CONSENSUADA COA VECIÑANZA E O SECTOR HOSTALEIRO A INSTALACIÓN DUNHA PLATAFORMA LOXÍSTICA DE REPARTO DE MERCADORÍAS PARA A HOSTALERÍA DA CIDADE HISTÓRICA DE SANTIAGO

Novas
relacionadas

“Nos primeiros cen días de Goberno atendimos urxencias como a dos autobuses, recuperamos o diálogo social, e reconducimos o proxecto do Centro de Persoas sen Fogar” 

O Goberno mantivo un encontro cos medios de comunicación para facer balace dos cen primeiros días de mandato

María Rozas: “Asinamos un bo acordo para Santiago, que atende ao que nos pediu a veciñanza: un goberno de esquerdas e plural”

Compostela Aberta e BNG asinaron as bases do acordo de goberno transformador para Santiago durante o mandato 2023-2027

Compostela Aberta creará unha rede pública de bicicletas eléctricas

Xan Duro e Miguel Penas presentaron as propostas de CA en materia de mobilidade “un dos principais retos de futuro de Santiago xunto coa vivenda”

Compostela Aberta pídelle ao Goberno que medie no conflito do lixo

María Rozas e Xan Duro reuníronse esta tarde co Comité de empresa de Urbaser “que leva meses advertido do incumprimento dos seus dereitos, ante a inacción de Bugallo”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo