- O concelleiro de CA lembra que “se hai vivendas que non estaban inscritas no padrón do lixo é porque este censo foi responsabilidade da concesionaria da auga durante décadas”
O concelleiro de Compostela Aberta Xan Duro acusou hoxe ao Goberno local de “ignorar os acordos plenarios e de intentar tomarlle o pelo aos grupos da oposición, ata o punto de tomarnos por parvos”. Para o edil, “non hai outra explicación ao feito de que o alcalde siga sen crear unha comisión para estudar a forma máis sustentable e eficiente de xestionar os servizos de auga e saneamento, malia a que Bugallo se comprometeu a facelo no pasado mes de xullo, cando o Pleno aprobou unha proposta de CA nese sentido”.
Xan Duro foi moi crítico hoxe co Goberno, “que segue a demostrar que entende que non ten obriga de cumprir os acordos plenarios, sobre todo se non contan co voto favorable do PSOE ainda que susciten a unamidade entre os grupos da oposición”. O concelleiro de Compostela Aberta lembrou que no pasado mes de xullo, a Corporación aprobou a creación dunha comisión encargada de determinar a maneira máis sustentable e eficiente de xestionar os servizos de saneamento e abastecemento de auga, unha proposta presentada por CA que contou cos votos favorables de PP e BNG, “porque o conxunto da oposición entende que non se pode tomar unha decisión sobre unha concesión a 25 anos, que polo tanto lle afectará aos catro próximos gobernos, sen antes ter analizadas todas as opcións posibles; e os tres grupos coinciden, ademais, en que é eticamente cuestionable que esa decisión a adopte un Goberno en minoría como o de Bugallo”. Duro explicou que, tamén en xullo, o alcalde “chegou a falar coas voceiras da oposición da constitución e da composición dese órgano, pero tres meses despois seguimos sen ter noticias”. Por iso, explicou o edil, Compostela Aberta volverá a levar ao Pleno de outubro unha moción na que se reclama a creación desa comisión na que estean representados todos os grupos municipais, “porque non impulsala demostrará que é o PSOE, e non CA, quen aborda a concesión dun servizo tan importante e esencial como o da auga cun claro apriorismo ideolóxico privatizador que deberían explicarlle á veciñanza”.
Os “apriorismos ideolóxicos” do PSOE
Para Xan Duro, “é evidente que o PSOE tén tomada a decisión de concesionar o servizo da auga a 25 anos, e é moi probable que non queira crear a comisión sobre os diferentes modelos de xestión porque teme que ese órgano chegue á conclusión de que o seu modelo non é nin o máis sustentable e eficiente, nin o que máis lle convén aos intereses da veciñanza de Santiago”. O concelleiro de Compostela Aberta insistiu en que CA “non está a esixir a municipalización da auga, senón que está a esixir que se avalíen todas as alternativas, que se estuden e se elaboren os informes precisos, nun proceso que sexa participado polo conxunto da corporación municipal e no que tamén se teñan en conta as opinións e valoracións dos técnicos municipais”. Duro lembrou que “a concelleira responsable de Medio Ambiente, Mila Castro, dicía só un mes despois de chegar ao Goberno que a xestión directa do servizo por parte do Concello estaba completamente descartada, sen ter avaliado ningún outro escenario, e no pasado mes de xullo, o Executivo de Bugallo remitiu ao Diario Oficial da Unión Europea o anuncio de comunicación previa da licitación dos servizos de saneamento e abastecemento, indicando a súa previsión de iniciar o procedemento neste mes de outubro”.
O padrón do lixo: máis probas dunha concesión chea de sombras
Xan Duro insistiu en que “hai moitos elementos que apuntan a que a concesión do abastecemento e saneamento non beneficiou máis que á empresa privada que leva xestionando o servizo da auga desde o ano 1971, unha empresa que non realizou os investimentos precisos na rede por moito que Bugallo insista agora en que só unha concesión permitiría afrontar a renovación de infraestruturas que require Santiago”.
O concelleiro referiuse, ademais, ao recente anuncio da concelleira de Facenda, Marta Abal, que desvelou que un proxecto da Tesourería municipal tiña detectadas máis de 6.000 vivendas que non están dadas de alta no censo do servizo de recollida do lixo e que, polo t jo anto, deixan de ingresar uns 300.000 euros anuais nas arcas municipais. Xan Duro explicou que este proxecto da Tesourería Municipal iniciouse durante o pasado mandato, “porque o Goberno de Compostela Aberta foi quen atendeu un informe do Tribunal de Contas do ano 2005, que analizaba unha etapa do anterior goberno de Bugallo, no que se cuestionaba que a empresa concesionaria da auga xestionara todo o proceso do cobro da auga e da recollida do lixo, desde a elaboración do padrón ata a emisión dos recibos”. Os traballos iniciados no pasado mandato desvelaron unha importante falta de control, polo que o Goberno de CA decidiu, en abril de 2017, que o Concello empezara a xestionar o cobro dos recibos da auga e do lixo en vía executiva.
Xan Duro incidiu en que os datos que a propia concelleira de Facenda facía públicos hai uns días, “demostran a absoluta falta de control que tivo o Concello dunha concesión que se foi prorrogando irregularmente, evidencian o pouco interese do PSOE e de Bugallo, por regularizar a situación, posto que ignorou durante anos os informes do Tribunal de Contas, e sementan máis dúbidas sobre os beneficios que supón para a institución municipal manter o actual modelo do servizo”. O concelleiro incidiu en que “Bugallo foi o alcalde que transixíu e permitíu durante anos esta falta de controlq ue claramente favoreceu á empresa concesionaria, e quizas este pasado de descontrol é o que agora explica o interese en volver poñer este contrato en mans da empresa privada”.
PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DE CA PARA QUE SE EXECUTE O ACORDO PLENARIO SOBRE A CREACIÓN DUNHA COMISIÓN ENCARGADA DE DETERMINAR A FORMA MÁIS SUSTENTABLE E EFICIENTE DE XESTIONAR OS SERVIZOS DE ABASTECEMENTO DE AUGA E SANEAMENTO