- O PSOE di que urxe a aprobación das contas para afrontar o remate do ano, meses despois de asegurar que se podía gobernar cun orzamento prorrogado sen problemas
- A concelleira Marta Abal presentou o proxecto á prensa sen ningún contacto previo con CA
- Os orzamentos non son estritamente técnicos senón que tratan de borrar calquera pegada do Goberno de Compostela Aberta
Compostela Aberta insta ao Goberno do PSOE a rectificar e a presentar uns orzamentos de esquerdas para este ano 2019. Faino despois de que a concelleira Marta Abal presentara onte as contas en rolda de prensa, menos de catro horas despois de que CA tivera acceso á documentación e sen ningún contacto previo co grupo municipal. En contra do asegurado polo Goberno de Bugallo, os orzamentos non son estritamente de carácter técnico, se non que incorporan unha compoñente política que supón un importante xiro á dereita con respecto ao proxecto que Compostela Aberta levara a Pleno no pasado mes de decembro.
Documento incompleto e non consensuado
Compostela Aberta lamenta que o PSOE optara por presentar os orzamentos sen ningún tipo de contacto previo co grupo municipal, malia a que o alcalde Bugallo asegurara hai semanas que pretendía contar coa participación e coas achegas dos grupos da oposición. Deste xeito, o Goberno socialista mostra novamente a súa nula vontade de diálogo con CA, malia ás coincidencias programáticas, ata o punto de que o proxecto dos orzamentos foi remitido amenos de catro horas antes da súa presentación pública, e coa documentación incompleta. De feito, Compostela Aberta non recibiu ata hoxe, pasadas as 13h, os informes de estabilidade e de fiscalización das contas, que non foron remitidos onte co conxunto da documentación orzamentaria.
Compostela Aberta entende que a actitude do alcalde Bugallo volve a demostrar que o seu socio preferente é o PP de Agustín Hernández, a quen pretende satisfacer cun xiro á dereita do documento orzamentario.
Uns orzamentos non só técnicos
En contra do asegurado polo PSOE, Compostela Aberta entende que os orzamentos presentados polo Goberno non teñen un carácter estritamente técnico, senón que tamén conteñen directrices políticas que teñen como obxectivo borrar a pegada do Goberno de CA. Só así se entende que no capítulo de investimentos, que se recorta de 10 millóns de euros a 5 millóns, desaparezan todas as propostas dos Orzamentos Participativos Compostela Decide de 2019, xa votadas e seleccionadas pola veciñanza. Así, non figuran proxectos seleccionadas pola veciñanza nun proceso no que se rexistraron case 5.000 votos, como a rehabilitación de fontes en estado de abandono, a recuperación da rúa Caramoniña, a dotación de mobiliario para o CEIP Apóstolo Santiago ou a reforma do viario A Pajuela-Campo da Festa, en Marrozos. Na mesma liña, non aparece no capítulo de investimentos outro proxecto dos Orzamentos Participativos pendente de 2018, a senda ciclable de Cornes, e redúcese sensiblemente a partida para a instalación de parques biosaúdables no rural norte, que pasa de 208.000 a 67.000 euros. Estas decisións parecen ir na liña da supresión das actividades que se ían desenvolver nas Festas do Apóstolo con cargo aos Orzamentos Participativos, como as “Festas com Alvoradas”.
Do mesmo xeito, Compostela Aberta observa con preocupación a reanualización de proxectos importantes como o Centro de Atención Integral para Persoas sen Fogar, cofinanciado con fondos europeos. A partida prevista para 2019 pasou dos máis de 600.000 euros orzados por CA aos 24.000 euros contemplados polo PSOE.
O resultado do bloqueo electoralista
O grupo municipal de Compostela Aberta lembra, ademais, que a situación orzamentaria na que se atopa o Concello é o resultado da decisión adoptada en decembro por PP, PSOE e BNG, que impediron que se aprobaran uns orzamentos de 115 millóns de euros, os máis altos desde 2005. Foron, polo tanto, o PSOE e Bugallo os que fixeron que Santiago chegara ao mes de xullo sen orzamentos, por criterios unicamente electoralistas.
Ao respecto, Compostela Aberta lembra as declaracións realizadas no Pleno de orzamentos polo entón voceiro do PSOE, Paco Reyes, que sinalaba naquela sesión que “non pasa nada por non aprobar os orzamentos, xa que Santiago terá un orzamento prorrogado sobre o que se poderán facer as modificacións de crédito que se consideren necesarias”. Esa xustificación dos socialistas contrasta coas palabras da concelleira Marta Abal, que onte sinalaba que é preciso aprobar os orzamentos “para atender as necesidades inaprazables que non poden ser cubertas con cargo aos orzamentos prorrogados de 2018”.
Malia a todo, Compostela Aberta expresa a súa vontade de negociar co PSOE uns orzamentos que sexan realmente transformadores e de esquerdas e confía en que non se confirme que o documento xa está acordado e pactado co Partido Popular.