Manifesto fundacional de compostela aberta

Compostela Aberta somos un conxunto de persoas que asinamos en apoio deste manifesto. Persoas que amamos Santiago, un concello vivo de impresionante legado mais, onde actualmente vive xente que, diariamente, se enfronta con impotencia a numerosos problemas e que está realmente preocupada polo futuro que lle agarda. Compostela Aberta é o resultado de tres anos de indignación ante o espolio, a corrupción e a ineficacia; dunha maioría absoluta do PP que nos trouxo alcaldes malfeitores, non electos polo pobo; dunha Xunta de Goberno condenada pola xustiza anticorrupción.

Ao mesmo tempo que isto acontecía, precarizábanse as condicións de vida de numerosas compostelás e composteláns e degradábase o acceso aos servizos básicos, mentres asistiamos ao medre dunha camarilla de privilexiados que, ao redor do Pazo de Raxoi, usaba a política en beneficio propio. Con todo, tamén somos críticos coa traxectoria do concello previa ao trienio negro do PP, cando se orixinou unha cidade turistificada e elitista que expulsou, por causa do prezo da vivenda, moitas persoas aos concellos limítrofes e que debilitou a forza e cohesión da sociedade civil organizada en movementos e asociacións. Así mesmo, consideramos que a fórmula de partido institucional acaba por obedecer dinámicas afastadas da cidadanía e que estamos no agromar dun tempo novo, con novas formas de facer e de estar, pois sabemos que a Democracia Real será sinónimo de cooperación, de calidade de vida e dun futuro mellor, no cal todas e todos coubermos.

ABERTA Á TRANSPARENCIA

Defendemos un Concello Aberto, con paredes de cristal, que coloque por diante as persoas e o seu benestar, que limpe o poder local das oligarquías e mafias que nos gobernaron, creando emprego digno, desenvolvendo o comercio local, promovendo políticas sociais e medioambientais xustas, impedindo os desafiuzamentos, a especulación inmobiliaria, as influencias e a corrupción, os subornos e as mordidas, auditando a débeda municipal e creando un Observatorio Cidadán participado con competencias e acceso aos orzamentos e seguimento dos proxectos e dos compromisos adquiridos.

ABERTA Á DEMOCRACIA REAL

Con consultas populares, revogabilidade de cargos, limitación de salarios e de mandatos, cun compromiso ético-político coa cidadanía e con Compostela que posibilite amoestar e destituír quen o incumprir. Alén diso, desexamos o establecemento de auténticos Orzamentos Participativos.

ABERTA A SERMOS CIDADANÍA COMPLETA

Recuperando os bens comúns (a luz, a auga, a xestión do lixo) da especulación, promovendo o cooperativo e o comunitario en beneficio da cidadanía; pensando nas persoas, na mocidade expulsada da cidade, na dignidade dos nosos anciáns, na maioría social.

ABERTA A UN NOVO URBANISMO

Que privilexie a rehabilitación social, os criterios técnicos e democráticos na mobilidade e nos transportes públicos, os alugueres dignos; que integre e mellore, coa súa participación, as esquecidas parroquias rurais; que fomente a economía participativa e a calidade de vida.

ABERTA AO COIDADO

Polo pequeno e o noso, na cultura, no patrimonio ou nas infraestruturas, evitando omastodóntico e insustentábel, racionalizando gastos, fomentando a economía local, as cooperativas, axudando as e os traballadores autónomos e as pequenas empresas locais.

ABERTA Á PARTICIPACION

Cun sistema de eleccións primarias abertas á cidadanía, con controis de calidade democrática, como un espazo de participación individual en que as persoas, os movementos sociais ou os partidos políticos que se viren recoñecidos en Compostela Aberta estiveren en igualdade de condicións na defensa do ben común.

Compostela Aberta – Setembro de 2014.

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo