O grupo municipal de Compostela Aberta presentará no Pleno deste xoves 19 de xullo unha moción instando á Xunta a dotar cos medios e recursos necesarios a Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía. Esta moción está promovida pola Asociación Animalista Libera que xunto a Fundación Franz Weber impulsan políticas públicas para a convivencia responsable cos animais no país.
Máis de cinco meses despois da entrada en vigor desta lei, constatamos como non deixan de medrar o abandono, os casos de encadeamento continuado ou de limitación extrema de movemento que supoñen maltrato case permanente.
Mentres tanto, a Xunta segue a facer proselitismo electoralista dunha Lei da que non se responsabiliza nin dota cos recursos necesarios, con apenas 100.000€ consignados nos orzamentos para o conxunto dos concellos galegos. Tampouco se dá resposta ás ducias de denuncias administrativas que agardan resposta por casos de maltrato e crueldade nin se ten en conta a exclusión do ámbito de aplicación da Lei dos équidos, obxecto tamén de prácticas específicas de crueldade como é a colocación de pexas.
Unha aplicación correcta de preceptos como o sacrificio cero require do compromiso de todas as partes, desde a elaboración de estratexias de sensibilización ata a elaboración de convenios con entidades protectoras de animais e refuxios.
Por todo isto, Compostela Aberta leva a Pleno esta moción promovida pola Asociación Animalista Libera para que a Xunta poña da súa parte os medios técnicos e económicos que garantan efectos reais máis alá de crear titulares.
No seguinte enlace podes ver a moción completa.
