Compostela Aberta pide procesos “máis homoxéneos e transparentes” para a selección do persoal municipal

A concelleira María Rozas denuncia que “o Goberno de Bugallo abusa das contratacións temporais mentres non convoca as oposicións para cubrir as ofertas de emprego aprobadas nos últimos anos”
  • O Goberno do PSOE só convocou tres oposicións libres nos tres anos de mandato

María Rozas denunciou hoxe que o Concello de Santiago “está a ignorar as directrices para reducir as contratacións temporais nas administracións públicas a situacións excepcionais e urxentes”. A concelleira de Compostela Aberta explicou que o Goberno de Bugallo “mantén sen convocar as oposicións vinculadas ás ofertas de emprego aprobadas nos últimos anos mentres abusa de procesos de selección temporais, que ademais se veñen caracterizando pola súa falta de homoxeneidade e de transparencia”. Por iso, CA levará ao próximo Pleno unha proposición para urxir a convocatoria das ofertas de emprego pendentes e a aprobación dunhas directrices globais sobre os procedementos de selección na administración municipal.

A normativa relativa á selección de persoal das administracións públicas, empezando pola Constitución, fai referencia aos principios de igualdade, mérito e capacidade. Ademais, o Estatuto Básico do Empregado Público incide no principio de publicidade nas convocatorias, así como nos de transparencia, imparcialidade e discrecionalidade técnica dos órganos de selección. Por último, o Goberno do Estado tén lexislado para reducir a temporalidade no emprego público, limitando os procesos de contratación do persoal laboral temporal a casos excepcionais e para a cobertura de necesidades urxentes e inaprazables. Para a concelleira de  Compostela Aberta María Rozas, “no Concello de Santiago non se está atendendo a ningunha destas cuestións, senón que o Goberno de Bugallo actúa en contra destes principios e recomendacións”.

Oposicións pendentes e abuso da contratación temporal

Tal e como explicou Rozas, o Concello de  Santiago ten pendentes de executar as ofertas de emprego dos tres últimos anos e de convocar 67 prazas en quenda libre para persoal funcionario e outras cinco para persoal laboral. Malia iso, apuntou a concelleira, “no que levamos de mandato o Goberno de Bugallo só convocou as prazas de letrado da asesoría xurídica, bombeiros-conductores do Servizo de Extinción de Incendios, e oficiais deste mesmo servizo, neste caso cun proceso que quedara preparado no anterior mandato e que hai xusto un ano estivo rodeado de polémica porque que se comprobou que as respostas correctas do primeiro exame estaban marcadas”. A estas convocatorias súmanse as das prazas da Policía Local, que dependen da Academia Galega de Seguridade Pública.

Fronte a iso, María Rozas denunciou que “seguen proliferando as convocatorias para a cobertura de cargos directivos, seis xa no que levamos de mandato; e de persoal temporal, cun total de dez procesos para a cobertura de diferentes prazas como técnico da administración xeral, arquiveiro, arquitecto, traballador social, ou tractorista”. Para a concelleira de Compostela Aberta, “é evidente que estas contratacións non responden a casos excepcionais e urxentes que xustifiquen os procesos de selección temporais, que se están a converter na norma habitual do Goberno de Bugallo e non na excepción que deberan ser”.

Procedemento reglado e transparente

A concelleira de CA incidiu en que “ademais do abuso deste tipo de contratacións temporais, preocúpanos a falta dun procedemento reglado, homoxéneo e transparente para este tipo de procesos selectivos”. Nesa liña, explicou que “os dez procesos impulsados nestes anos foron moi diversos entre sí, en cuestións como o temario, o número de probas ou os procedementos de revisión e os prazos de alegacións, que nalgúns casos nin sequera existiron”. María Rozas instou ao Goberno “a aprobar un regulamento que fixe as directrices polas que se deben guiar estes procesos de selección, así como a favorecer a transparencia con medidas como a publicación na web municipal dos exames ou das actas do tribunal de selección nas que se expresen os criterios de corrección das probas”.

María Rozas defenderá no Pleno deste mes unha proposición para reclamarlle ao Goberno de Bugallo que axilice a convocatoria das oposicións libres das ofertas de emprego pendentes, que limite a contratación temporal e que aprobe unhas directrices globais nas que se estableza un procedemento homoxéneo e transparente para todos os procesos de selección de persoal do Concello de Santiago.

Documentación
relacionada
PROPOSICIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA MELLORAR A TRANSPARENCIA NOS PROCESOS DE SELECCIÓN DE PERSOAL E REDUCIR A TEMPORALIDADE NO CONCELLO DE SANTIAGO
Novas
relacionadas
María Rozas, Goretti Sanmartín e Gonzalo Muíños asinaron o acordo de orzamentos

Os grupos municipais de Compostela Aberta, Socialista e BNG pechan un acordo de orzamentos para 2025

María Rozas, en representación de Compostela Aberta, Gonzalo Muíños polo Grupo Municipal Socialista e Goretti Sanmartín, polo BNG asinaron este martes o acordo para os orzamentos municipais de 2025, “uns orzamentos ambiciosos mais equilibrados e enfocados ás necesidades reais de Santiago”.

Compostela Aberta lamenta que a Xunta “siga sen escoitar á veciñanza de Conxo e volva elixir a peor opción para a senda ciclable do Milladoiro”

Compostela Aberta lamenta que a Xunta de Galicia perdera a oportunidade de corrixir de verdade a barbaridade que cometeu ao definir o trazado da senda ciclista do Milladoiro, e presente hoxe unha alternativa que non mellora nada e que non contenta a ninguén. Para CA, o Goberno galego segue ignorando á veciñanza, e de caer no mesmo erro de planificar unha vía sen pisar o terreo.

María Rozas: “Os orzamentos da Xunta son decepcionantes para Santiago e non serven para resolver os problemas da veciñanza”

A portavoz municipal de Compostela Aberta e tenenta de alcaldesa de Santiago cualificou hoxe de “decepcionantes e insuficientes” os orzamentos da Xunta para 2025 no que tén que ver coa capital galega. María Rozas explicou que “se sobre o papel as contas manteñen moitas débedas con Compostela, tememos que na súa execución a cousa só vaia a peor, como vén acontecendo nos últimos anos en cuestións de enorme importancia como poden ser as políticas de

Comunicado da coordinadora de Compostela Aberta sobre as cargas policiais rexistradas ao remate da manifestación por Palestina

A coordinadora de Compostela Aberta manifesta a súa repulsa e condena diante das actuacións policiais acontecidas onte na nosa cidade, na parte final da mobilización nacional que reclamaba a paz en Palestina.

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo