Compostela Aberta volve reclamarlle ao Goberno que atenda as reclamacións do persoal dos Centros Socioculturais

  • CA pedirá no Pleno que se garanta o convenio propio dos CSCs unha vez entren en vigor os novos contratos coas empresas adxudicatarias do servizo
  • Marta Lois lamenta a falta de diálogo do alcalde e do concelleiro “que non está á altura das súas responsabilidades, nin nos centros nin nas obras”

Compostela Aberta reclámalle ao Goberno local que atenda as demandas do persoal da rede de Centros Socioculturais e que traballe para garantir, coa entrada en vigor dos novos contratos de xestión, se manteña o seu convenio propio e non existan dobres escalas salariais entre as traballadoras. A portavoz municipal, Marta Lois, lembrou que “o persoal leva mantendo xornadas de folga desde o pasado mes de abril, diante da pasividade do alcalde e do concelleiro responsable, que nin sequera manteñen un diálogo minimamente fluído coa representación do persoal”. Para a concelleira de CA, “cada día que pasa, hai máis motivos para pedir a dimisión de Javier Fernández, que non está á altura das súas responsabilidades nin no departamento de Obras nin tampouco no de Centros”.

O próximo 1 de xullo entrarán en vigor os novos contratos de xestión da rede de Centros Socioculturais, en tres dos catro lotes nos que foi dividida esa adxudicación: animación sociocultural, bibliotecas e atención ao público. O cuarto lote, o de nova tecnoloxías, atópase novamente en licitación, tras quedar deserto o primeiro procedemento. Marta Lois lembrou que “estes novos contratos chegan precedidos por numerosas queixas, tanto do propio persoal como dos grupos da oposición, que levamos meses denunciando os moitos erros e anomalías que presentaban os pregos aprobados polo Goberno”. “Moitos deles”, sinalou, “aféctalle ás condicións laborais, e por iso a representación das traballadoras vén reclamando xuntanzas, sistematicamente rexeitadas polo Goberno, que só tivo a ben recibir ao comité de empresa nunha ocasión, o pasado 30 de maio, e cando o persoal xa levaba un mes cunha folga intermitente que aínda non rematou”.

Dous meses de folga

A portavoz de CA lembrou que esta folga, que xa  se prolonga por dous meses, “é a primeira que se produce nos servizos municipais desde hai máis de once anos, está a ter un importante seguimento, e o concelleiro non pode seguila obviando”. Cos paros, os traballadores dos CSC mostran a súa preocupación polo futuro dos traballadores do servizo  de informática, o lote que quedou deserto, e por como pode afectar ao persoal en activo a entrada dun centro especial de emprego noutro dos lotes; e reclaman que as novas empresas adxudicatarias respecten o convenio propio da rede. Para Marta Lois, “estas son cuestións polas que debe interesarse o Goberno, que non pode escudarse nas relacións laborais entre as empresas e os traballadores cando estamos a falar dun servizo municipal no que non pode continuar o actual conflito laboral que dificulta o correcto funcionamento da rede”.

Marta Lois lembrou que “o persoal dos CSCs maniféstase cada semana ás portas do Pazo de Raxoi, e o alcalde e o concelleiro de Centros non poden seguir ignorando a situación”. “A súa actitude”, concluiu a portavoz de Compostela Aberta, “non fai máis que darlles a razón ás traballadoras que cada vez con máis forza reclaman a dimisión de Javier Fernández, porque está acreditado que non está á altura do seu cargo”.

PODES CONSULTAR AQUÍ O ROGO DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA QUE O CONCELLO ATENDA AS DEMANDAS DAS E DOS TRABALLADORES DO SERVIZO MUNICIPAL DE CENTROS SOCIOCULTURAIS EN FOLGA

Novas
relacionadas

María Rozas: “Mentres algúns prometen enterrar 40 millóns de euros nunha soa rúa, CA comprométese a facer as obras precisas nos barrios e parroquias”

A candidata de Compostela Aberta reivindica que “nesta campaña quedou claro que só nós temos un proxecto claro para Santiago que nace das demandas da veciñanza”

CA creará unha empresa municipal para aforrar custos e mellorar servizos coma o de limpeza e a conserxería das instalacións municipais

María Rozas, André Seoane e Carminha Naveiro denunciaron “as condicións desiguais e o exceso de contratacións parciais que supón o actual sistema e concesións”

María Rozas asina o acordo entre o Foro Cívico e as forzas políticas municipais para atender os retos de Santiago  

A candidata de Compostela Aberta cualifica de “moi positivo que se poña o foco sobre cuestións que van alén das grandes infraestruturas, e das que CA leva falando xa moitos anos como a gobernanza o turismo”

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo