Coa #ORAdoPúblico gañamos todas: máis rúas sen rotación obrigatoria e facilidades para residentes e persoas traballadoras

Municipalizar o servizo da ORA e do guindastre permite facer políticas de mobilidade máis centradas no interese da veciñanza que nos beneficios das empresas.

Tras uns meses de transición dende a recuperación do servizo, hoxe presentouse a nova ordenanza que se levará proximamente a Pleno e que permitirá ter unha #ORAdoPúblico máis accesible e adaptada aos novos tempos:

  • A veciñanza da cidade histórica poderá estacionar na zona ORA como se fosen residente
  • Facilítase o acceso á tarxeta de residentes e simplíficanse os réximes tarifarios
  • Eliminación de rotación obrigatoria en varias rúas
  • Actualízase a figura de residentes por domicilio laboral

Máis inclusiva: ORA gratuíta para persoas con mobilidade reducida

Máis sustentable: a zona azul será de balde para vehículos eléctricos

Como sinalou o concelleiro Jorge Duarte, estes e outros cambios responden aos acordos contemplados no Pacto Local pola Mobilidade e á evolución da cidade. Como exemplo, os cambios para o Casco Histórica buscan fixar poboación e prestar servizos necesarios nunha zona moi necesitada de Compostela.

E proximamente están previstos novas bonificacións para residentes e periódos gratuítos de aparcamento.
Porque coa #ORAdoPúblico, gañamos todas e todas.

A continuación podes ver con máis detalle estes e outros cambios na nota do Concello tamén publicada na súa web:

___________

Máis rúas sen rotación obrigatoria e facilidades para as persoas traballadoras na nova ordenanza da ORA

21/01/2019 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade presentou hoxe a modificación da Ordenanza do sistema de ordenación e regulación do servizo da ORA e do aparcamento de residentes, que será levada a Pleno en febreiro, ou ben a unha sesión extraordinaria antes de que acabe este mes. Jorge Duarte explicou que o texto “actualiza o que estaba vixente desde o ano 2012, tendo en conta non só a municipalización do servizo, senón tamén a evolución da cidade e das políticas de mobilidade nestes seis anos”. Ademais, o edil incidiu en que “os cambios introducidos na ordenanza responden aos acordos contemplados no Pacto Local pola Mobilidade”.

O edil explicou que “alén das cuestións concretas, a modificación da ordenanza segue o espírito de favorecer a accesibilidade, a inclusión e a igualdade”. Nesa liña, Jorge Duarte explicou que o novo texto “permitirá que as persoas con mobilidade reducida poidan estacionar de xeito gratuíto en calquera das prazas da zona ORA como xeito de conseguir unha cidade máis inclusiva e accesible; de igual maneira que os vehículos eléctrico poderán utilizar de balde a zona azul como aposta por unha Compostela sustentable”. A nova ordenanza tamén contempla que a veciñanza da cidade histórica poida “estacionar en zona ORA en calidade de residentes, mesmo aquelas persoas que vivan en zonas peonís ou con aparcamento restrinxido”, de xeito que poderán aparcar no contorno incluído en zona azul o dobre do tempo.

Redefinición dos réximes de residentes
O concelleiro de Mobilidade explicou que “un dos obxectivos que se procurou coa modificación foi a redefinición dos réximes de residentes, co obxectivo de clarificar os requisitos e as condicións de cada un deles”. Así, o artigo 7 refírese á categoría de “residentes por domicilio”, na que se diferencian os supostos de residentes por domicilio en zona ORA, que poderán estacionar na zona azul por un tempo máximo de 240 minutos, e os residentes por domicilio en zona verde.

O artigo 8 da ordenanza refírese aos “residentes por traballo ou actividade profesional”, e diferencia dous supostos: o dos residentes por traballo en zona ORA, que poderán estacionar nas rúas da zona azul por un tempo máximo de 240 minutos, e o dos residentes por traballo en zona verde. Na ordenanza actual esta posibilidade limitábase ás persoas empadroadas en Santiago, pero coa nova redacción poderá acceder a esta tarxeta calquera persoa que teña o seu domicilio laboral en Compostela.

Por último, o artigo 9 da ordenanza refírese aos “residentes por municipio”, que son as persoas empadroadas en calquera rúa de Santiago, que poderán estacionar na zona ORA xeral durante un máximo de 240 minutos. Os residentes por municipio e os residentes por traballo en zona ORA deberán abonar unha tarifa anual de 50 euros para obter o distintivo.

Segundo explicou Jorge Duarte, a nova redacción “procura facilitar o coñecemento dos diferentes réximes por parte da cidadanía, e simplificar a información relativa aos requisitos, os trámites e a documentación requirida para acceder ás diferentes tarxetas de residentes”.

Réximes tarifarios da ORA
A nova ordenanza mantén os diferentes réximes xa previstos no anterior texto aínda que con algunhas modificacións. Así, dentro do réxime ordinario haberá unha zona de curta duración, na que se poderá estacionar un máximo de 60 minutos, unha zona xeral, cun tempo de aparcamento de 120 minutos, e unha zona de longa duración, cun tempo de estacionamento de 240 minutos. Ademais, introdúcese un novo “Réxime especial”, pensado para as novas áreas de estacionamento de borde, como os aparcamentos da avenida de Ferrol e de Pontepedriña. Estes espazos contarán cun réxime tarifario especial, que permitirá o estacionamento durante todo o día, e que estará recollido na correspondente ordenanza fiscal.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou que “tal e como xa se adiantara, a modificación da ordenanza elimina a rotación obrigatoria unha vez rematado o tempo máximo de estacionamento en rúas nas que ata agora non existía esta posibilidade”. Trátase, en concreto, das rúas Ramón Piñeiro, Domingo Fontán, Laverde Ruíz, Bernardo Barreiro, Eduardo Pondal, Hospitaliño, Xasmíns, Loureiros, Costa Nova de Arriba, praza das Penas, San Roque e Santa Clara. A rotación obrigatoria de dúas horas unha vez rematado o tempo máximo de estacionamento mantense para a zona máis comercial do Ensanche incluídas no réxime xeral, e tamén para a zona de curta duración, vinculada á contorna da praza de Abastos. Por último, non existe rotación obrigatoria unha vez rematado o tempo máximo de estacionamento na zona de longa duración, vinculada ao Campus Sur.

Anulación de denuncias e outros cambios
A ordenanza da ORA tamén inclúe importantes novidades no relativo á anulación das denuncias por incumprir a normativa. Así, o prazo máximo para anular unha denuncia por superar o tempo de estacionamento queda fixado en 24 horas, fronte á media hora da redacción anterior do texto. O custo de anulación será de seis euros. As denuncias por carecer de tíquet de estacionamento serán anulables no prazo dunha hora contada a partir do momento da denuncia.

Outras das modificacións da ordenanza da ORA teñen que ver coa actualización dos horarios da zona de curta duración e a diferenciación dos servizos de mañá e tarde, e coa eliminación do parquímetro persoal como método de pago, obsoleto tras a introdución da app de pago dende o móbil. Ademais, o novo texto especifica as situacións nas que o guindastre poderá actuar, diante das infraccións graves á ordenanza.

Tamén están pendentes outras novidades vinculadas á modificación da ordenanza fiscal da ORA. Entre elas, Jorge Duarte salientou “a bonificación para as persoas residentes en Santiago para que poidan aparcar dúas horas de balde ao mes na zona hora, ou a introdución de períodos gratuítos de aparcamento en áreas como o estacionamento da avenida de Ferrol”. Tamén se creará unha nova tarifa para aparcamentos de borde como o de Pontepedriña, “onde seguimos en negociacións con Adif para poder cobrar unha tarifa dun euro diario garantindo a rotación”.

a

Arquivado en:ORA
Novas
relacionadas

Marta Lois: “A sentenza de Setex volve demostrar que o Goberno de Compostela Aberta fixo ben as cousas”

A portavoz de CA  insta ao alcalde a “abandonar o discurso crítico coa municipalización da ORA e a empezar a xestionar o servizo”

CA pide que a veciñanza da rúa Presidente Salvador Allende poida utilizar a zona de aparcamento para residentes de San Lourenzo

Compostela Aberta levará ao Pleno da próxima semana un rogo para que a veciñanza da rúa Presidente Salvador Allende poida acceder ás tarxetas para estacionar na zona de residentes de San Lourenzo.

Comunicado ao respecto da sentenza do TSXG sobre a incorrecta adxudicación da ORA e do guindastre

Ante as informacións publicadas no día de hoxe ao respecto da sentenza que obriga ao Concello a indemnizar a Doal pola incorrecta adxudicación do contrato da xestión da ORA e do guindastre no ano 2012, Compostela Aberta quere aclarar os seguintes aspectos:

Os que participaron na adxudicación irregular da ORA no 2012 xogan ao despiste cuestionando a municipalización

Martiño Noriega fixo este xoves o relato completo do ‘Caso Doal’, despois de que os grupos da Oposición e -algúns dos seus altofalantes mediáticos- insistiran en sementar dúbidas sobre a recuperación do servizo.

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo