Tal como lemos en Praza Pública, a Xunta ameaza co desaloxo inminente a unha familia compostelá en situación de exclusión social residente nunha vivenda de protección oficial, sen terlle buscado antes unha alternativa habitacional.
Dende Compostela Aberta esíxese que a Xunta e o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) atope unha vivenda alternativa que evite que esta familia quede na rúa. Non é admisible de ningún modo que unha administración pública queira deixar sen fogar a unha familia, máis se como neste caso se atopa en situación de especial vulnerabilidade e co agravante de que a Xustiza lle encargou á propia Xunta a tutela dalgunha destas persoas.
Como ben sinala a concelleira de Políticas Sociais Concha Fernández, “somos conscientes da problemática e extrema sensibilidade deste caso e da inviabilidade de que esta familia siga vivindo nesa vivenda e nas condicións actuais, con grave risco para a súa integridade física e incluso para a dos seus veciños e veciñas. Pero tamén nos negamos a aceptar de ningún modo que sexa a propia Xunta, con competencias exclusivas en vivenda social, a que promova o desafiuzamento sen dar alternativa de realoxo. A Xunta non pode agravar aínda máis a situación de extrema vulnerabilidade desta familia deixándoa sen fogar”.
A Xunta e o IGVS non poden comportarse como o peor dos bancos deixando a esta familia na rúa e agravando a situación na que se atopa. É obriga dos poderes públicos promover as condicións para facer efectivo o dereito a unha vivenda digna.
No último ano e medio o Concello de Santiago realizou preto de 200 actuacións con esta familia, con algúns dos seus membros con discapacidade recoñecida. O departamento de Políticas Sociais colaborou estreitamente con outros colectivos e entidades sociais da cidade, incidindo especialmente na procura dunha nova vivenda de alugueiro.
A Xunta e o resto de administracións contarán sempre co goberno de Compostela Aberta para traballar conxuntamente polo benestar da cidadanía e moi especialmente das persoas máis vulnerables, pero nunca para deixar na rúa a ninguén. Institucións públicas como a Xunta e o Instituto
[ACTUALIZACIÓN 04 ABRIL 2018]
O Instituto Galego de Vivenda e Solo fixo efectivo o desaloxo desta familia o venres 4 de abril ser ter buscado outra alternativa. Neste audio podes escoitar as reaccións da concelleira Concha Fernández.