O goberno de Compostela Aberta súmase ao do resto de cidades do Estado que apoia a Proposición de Lei de Regulación de alugueiros abusivos e mellora das garantías e o acceso á vivenda en alugueiro, presentada este xoves no Congreso dos Deputados. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, avala o texto “que lle quere dar resposta a unha problemática que tamén lle afecta a Compostela, e que obriga a moitos veciños e veciñas a abandonar os seus barrios de sempre porque non poden pagar unha vivenda digna”. O concelleiro entende que “esta Proposición de Lei vai na liña que vimos defendendo desde Compostela Aberta co obxectivo de garantir o dereito á vivenda e o uso residencial, en risco fundamentalmente na cidade histórica onde á especulación se suma o problema dos pisos utilizados irregularmente como aloxamentos turísticos.”
A Proposición de Lei presentada este xoves por Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea conta co aval dos gobernos de Santiago, Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, A Coruña, Córdoba e Cádiz, que suman sete millóns de habitantes. A deputada Irene Montero foi a encargada de defender a proposta que pretende evitar que “a especulación hipotecaria que pulverizou o dereito á vivenda en España, agora se traslade aos alugueiros”. Nesa liña defendeu a urxencia de “dotar de seguridade aos pequenos propietarios e propietarias de vivendas e ás persoas inquilinas, todo o contrario do efecto que tiveron as últimas reformas da Lei de Arrendamentos Urbanos que levou a cabo o PP”.
Achegarnos a Europa
Proposición de Lei de Regulación de alugueiros abusivos e mellora das garantías e o acceso á vivenda en alugueiro pretende “alonxarnos dos grandes fondos de investimento e comezar un camiño que nos achegue ao que están facendo países europeos como Alemaña, Austria, Francia ou Holanda, onde vivir de alugueiro é unha opción estable, asequible e segura”.
Na presentación do texto participaron os concelleiros e concelleiras das cidades que asinan o documento coa excepción de Jorge Duarte, que non puido asistir á rolda de prensa malia a participar activamente na elaboración da Proposición de Lei. As sete urbes coinciden en que “a ausencia dun parque público de vivenda provoca que non exista unha oferta de alugueiro que exerza de contrapeso aos incrementos dos prezos do mercado privado”.
A Proposición de Lei pretende reverter as últimas reformas do PP en materia de alugueiros, que no ano 2013 recortaron os contratos a 3 anos, limitaron as garantías para as persoas arrendatarias e as axudas fiscais ás que tiñan dereito, e reduciron o orzamento estatal en materia de vivenda. Así, Unidos Podemos – En Comú Podem – En Marea e máis as sete cidades propoñen volver aos contratos alugueiros de 5 anos, con posibilidade de cinco anos máis de prórroga “para que o alugueiro sexa unha opción estable para desenvolver un proxecto de vida con tranquilidade”. O texto tamén establece a posibilidade de que os municipios, en coordinación coas Comunidades Autónomas, poidan declarar Áreas Urbanas de Mercado de Vivenda tensionado, nas que temporalmente se poidan regular os prezos para evitar subas abusivas dos alugueiros.