- CA leva ao Pleno unha moción na que reclama unha liña de axudas que garante o mantemento da actividade e dos postos de traballo asociados á Cultura
- O Barómetro da Cultura Galega recollía xa en abril a preocupación do sector polo incremento dos prezos dos arrendamentos e subministracións como luz e auga
A concelleira de Compostela Aberta Branca Novoneyra advertiu hoxe da situación na que se atopa o sector cultural da capital galega “que sen terse recuperado ainda das consecuencias da pandemia sofre agora aos efectos da crise enerxética e ao elevadísimo aumento dos seus gastos correntes”. Para afrontar este delicado escenario, a concelleira pediullle ao Goberno que poña en marcha unha convocatoria de subvencións que permitan cubrir os custos de arrendamentos e de subministracións como luz e auga “para lograr que a actividade cultural profesional e amadora poida subsistir e desenvolverse en Santiago”.
Branca Novoneyra alertou das dificultades do sector para manter abertos os seus lugares de traballo, dificultades que lle afectan a compañías de artes escénicas, asociacións culturais, escolas de música e danza, galerías de arte, librarías, oficinas de produción ou mesmo obradoiros artesáns. A concelleira de CA explicou que xa o Barómetro da Cultura Galega publicado polo Consello da Cultura Galega en abril, antes do inicio da guerra de Ucraína, advertía que “un problema importante que xa viñan detectando as entidades en 2021 ten que ver co aumento dos custos e principalmente co incremento dos prezos das subministracións que precisan para a súa produción. O 45,7% das entidades entrevistadas afirma que experimentou un aumento significativo en 2021. A previsión para 2022 é de maiores subas de prezos.” O mesmo informe sinalaba que “só un 22,5% trasladou o ano pasado estes incrementos aos prezos que cobran polos produtos ou servizos que ofrecen, o que necesariamente implica falta de rendibilidade ou redución na capacidade de ofrecer servizos segundo sexa a natureza da entidade”. Para este 2022, o 52,2% prevía non aumentar os prezos. Na mesma liña, a concelleira explicou que tamén a Rede de Organizacións de Museos Europeos, NEMO, vén de emitir un comunicado no que advirte que algunhas institucións prevén un aumento de custos da enerxía de ata o 400% neste inverno e mostra a súa preocupación polos posibles peches ou redución de servizos culturais por mor deste incremento de gastos. A organización reclámalle tamén ás administracións públicas de diferentes niveis que poñan en marcha as medidas e garantan os investimentos precisos para evitar eses posibles peches.
Preocupación pola falta de apoios
Novoneyra explicou que, “ainda que non existe un informe actualizado da situación da cultura en Santiago, que o Goberno debería estar xa elaborando, os datos dese barómetro galego e a escalada de prezos que seguiu despois, tras o inicio da guerra de Ucraína, fan evidente que o sector precisará de axudas para afrontar este e máis os próximos exercicios”. Nesa liña, a concelleira sinalou que as entidades culturais apuntaban, no estudo do Consello da Cultura Galega, ás dificultades que supoñen a falta de axudas ou subvencións e a visibilidade da produción cultural, que sitúan como principais factores negativos para o seu desenvolvemento, por detrás tan só dos efectos da Covid.
A concelleira de CA incidiu en que, neste contexto, “faise máis urxente a convocatoria de axudas sectoriais para a cultura, que poderían ter carácter de gasto anticipado, que permitan ao sector afrontar os gastos correntes que se están incrementando exponencialmente e, polo tanto, manter a actividade cultural e o emprego asociado ao sector”.
PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA A PUBLICACIÓN URXENTE DUNHA CONVOCATORIA DE AXUDAS A ENTIDADES PROFESIONAIS E SEN ÁNIMO DE LUCRO QUE APOIE OS GASTOS CORRENTES PARA PROMOVER O MANTEMENTO DE ACTIVIDADES CULTURAIS