SAF EN FOLGA

CA apoia ás traballadoras do SAF: “O Goberno de Bugallo leva meses mirando para outro lado”

Marta Lois lamenta que as empregadas do Servizo de Axuda no Fogar vaian á folga “diante da pasividade dun Goberno que non exerce o labor de control dun servizo que é de titularidade municipal”
  • Compostela Aberta presentara no Pleno de xaneiro unha moción de apoio ás traballadoras do SAF que non contou co apoio do PSOE: “A abstención dos socialistas é a mellor mostra de que non está do lado de traballadoras que non cobran nin o salario mínimo”

Marta Lois trasladou hoxe o apoio de Compostela Aberta ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar que teñen convocada unha xornada de folga para o próximo martes. A concelleira de CA lamentou que “as empregadas do SAF teñan que adoptar esta medida, diante da pasividade dun Goberno local que leva meses ignorando as súas demandas”. 

Lois lembrou que Compostela Aberta xa levou ao Pleno do pasado mes de xaneiro unha moción na que instaba ao Goberno a demandarlle á empresa ServiSar o cumprimento das condicións sociolaborais das traballadoras do SAF, entre elas a subida do IPC. A concelleira incidiu en que “é moi revelador que o grupo do PSOE se abstivera na votación desta proposta, que foi finalmente aprobada, porque esa posición traslada moi ben cal está a ser a actitude do Goberno: mirar para outro lado sen exercer o labor de control que lle corresponde sobre un servizo que é de titularidade municipal”. Marta Lois lembrou que “o conflito no Servizo de Axuda do Fogar non é novo, a situación destas traballadoras que cobran por debaixo do salario mínimo era coñecida, e o alcalde Bugallo e a concelleira Mila Castro decidiron cruzarse de brazos e poñerse unha vez máis do lado das empresas”.

Tal e como denuncia o comité de empresa de Servisar en Santiago, as 200 traballadoras do servizo non están cobrando as subidas correspondentes ao IPC de 2021 e 2022, tal e como lles correspondería por convenio. Iso supón, explicou Marta Lois, “que están cobrando entre 100 e 150 euros menos ao mes, unha cantidade moi importante cando falamos de salarios que rozan os mil euros”. O persoal do SAF apunta directamente á pasividade do alcalde e da concelleira Mila Castro, “que non adoptaron ningunha medida desde que empezaron as súas queixas, nin no relativo aos salarios nin a cuestións relacionadas coa organización do servizo para que as traballadoras non teñan que percorrer grandes distancias e poidan ter un mellor horario para conciliar”

Marta Lois insistiu en que “foi este Goberno quen licitou e adxudicou o contrato do SAF que está en vigor, e é a súa obriga que se cumpran as condicións nel establecidas”. Para a concelleira de Compostela Aberta, “non é de recibo que Bugallo presuma do funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar mentres ignora as queixas que levan formulando desde hai meses traballadoras que teñen salarios mileuristas para xornadas de 39 horas, e que no caso de estaren contratadas a tempo parcial son directamente traballadoras pobres”. Por iso, a concelleira de CA volveulle esixir ao Goberno que dea a coñecer os resultados da auditoría sobre o contrato do SAF, que o Pleno da Corporación solicitou en maio de 2022, a partir dunha moción presentada tamén por Compostela Aberta.

Novas
relacionadas

O Pleno de Santiago debaterá unha moción conxunta de CA e BNG para rexeitar o proxecto de Altri

Os dous grupos do Goberno solicítanlle á Xunta que emita un informe negativo a ese proxecto industrial contaminante pola súa afectación ambiental, patrimonial e económica

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo