Jorge Duarte: “É un grave erro que o Goberno de Bugallo renuncie a revisar o Plan Especial da Cidade Histórica”

O concelleiro de Compostela Aberta urxe ao Goberno a retomar os traballos e a avanzar na implantación do Plan de Xestión aprobado no pasado mandato

O concelleiro de Compostela Aberta Jorge Duarte considerou hoxe “inadmisible e incomprensible que o Goberno local renuncie a revisar o Plan Especial da Cidade Histórica, e abandone a implantación do Plan de Xestión aprobada no pasado mandato”. Para o edil, “estamos diante dunha mostra máis da incapacidade do equipo de Bugallo, que nin rematou os traballos que recibiu xa avanzados, nin foi quen de impulsar ningunha medida nova para afrontar as necesidades e as debilidades da zona vella”. CA levará ao próximo Pleno unha moción para reclamar que se retome a revisión do Plan Especial, abordando a regulación dos usos na cidade histórica tal e como se fixou no Plan de Xestión.

O Plan Especial vixente entrou en vigor en 1997. En 2013, o Goberno local contratou a súa revisión e asinou un convenio coa Consellería de Medio Ambiente para o financiamento destes traballos, de xeito que o 50% dos custos, uns 200.000 euros, correrían a cargo da administración autonómica. Nos pregos para a contratación desta revisión incluiuse, como mellora, a redacción dun Plan de Xestión que abordara os usos da cidade histórica, “un documento que, ademais, é requirido pola UNESCO para as Cidades Patrimonio da Humanidade como é Santiago”. Jorge Duarte lembrou que o Plan de Xestión quedou aprobado no pasado mandato, “despois dun proceso no que participaron máis dun cento de axentes da cidade e de distintos ámbitos sociais e profesionais, así como os diferentes grupos políticos da Corporación”. O documento, equivalente a un Plan Estratéxico, non se limitou á cidade histórica, pero sí identificou os principais retos deste ámbito, “relacionados coa perda de vitalidade, a caída progresiva de poboación, e a desaparición dos usos tradicionais do tecido comercial”.

En canto ao Plan Especial, Duarte lembrou que a súa revisión “foi freada por PP e PSOE no pasado mandato, unicamente por intereses electoralistas, seguindo o modelo do que aconteceu con outros proxectos fundamentais para a cidade como a operación Peleteiro”. O concelleiro de Compostela Aberta lembrou que “a abstención de populares e socialistas impediu continuar coa tramitación desta revisión no ano 2018, ainda cando se tiña feito un gran traballo participado para a redacción do borrador do Plan e do documento de Avaliación Ambiental”.

Tres anos e moito traballo perdidos

Para Jorge Duarte, “non ten sentido que o Goberno de Bugallo decida obviar todo o traballo que estaba feito tanto no Plan de Xestión como na revisión do Plan Especial, e que transcorridos case tres anos do mandato anuncie que non vai revisar o Plan Especial, senón unicamente afrontar modificacións puntuais”. O concelleiro de Compostela Aberta considerou “un grave erro esta decisión, sobre todo porque é un paso atrás na necesidade de atender á regulación dos usos na zona vella, unha necesidade sobre a que hai consenso e sobre a que incidía o Plan de Xestión”. En termos estritos de planeamento, sinalou Duarte, a revisión do Plan Especial pretendía “resolver problemas de planeamento en ámbitos como o barrio de San Lourenzo, Sar, ou a contorna de Belvís e San Pedro, que agora terán que esperar ou se afrontarán de maneira individual”.

O edil de CA advertiu, ademais, “que a renuncia a finalizar os traballos de revisión do Plan Especial pode ter consecuencias económicas, porque non está claro se o Concello de Santiago vai ter que devolver os cartos aportados ata o día de hoxe pola Xunta de Galicia, en base ao convenio de financiamento asinado no seu día, e mesmo se vai ter que indemnizar ao equipo redactor, co que non se está a manter ningunha relación”.

Por todo iso, Jorge Duarte defenderá no próximo Pleno unha moción na que se insta ao Goberno local a retomar os traballos de revisión do Plan Especial, abordando a regulación dos usos tal e como se definiu no Plan de Xestión aprobado no pasado mandato, e a finalizar o traballo de implantación deste Plan de Xestión noutros documentos como o Plan Estratéxico de Turismo, o Plan de Mobilidade, o Plan de Comercio ou o Plan de Acción Local polo Emprego. Por último, na moción tamén se insta ao Goberno local a renovar o acordo coa Xunta para seguir contando co financiamento para a revisión do Plan Especial e para non ter que devolver os fondos achegados para o financiamento do Documento de Análise e Información Urbanística, pagado en 2016, e o Documento de Avaliación ambiental e o Borrador do Plan Especial de 2018.

Documentación
relacionada
MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA QUE SE RETOME  A REVISIÓN DO PLAN ESPECIAL DA CIDADE HISTÓRICA
Novas
relacionadas
María Rozas, Goretti Sanmartín e Gonzalo Muíños asinaron o acordo de orzamentos

Os grupos municipais de Compostela Aberta, Socialista e BNG pechan un acordo de orzamentos para 2025

María Rozas, en representación de Compostela Aberta, Gonzalo Muíños polo Grupo Municipal Socialista e Goretti Sanmartín, polo BNG asinaron este martes o acordo para os orzamentos municipais de 2025, “uns orzamentos ambiciosos mais equilibrados e enfocados ás necesidades reais de Santiago”.

Compostela Aberta lamenta que a Xunta “siga sen escoitar á veciñanza de Conxo e volva elixir a peor opción para a senda ciclable do Milladoiro”

Compostela Aberta lamenta que a Xunta de Galicia perdera a oportunidade de corrixir de verdade a barbaridade que cometeu ao definir o trazado da senda ciclista do Milladoiro, e presente hoxe unha alternativa que non mellora nada e que non contenta a ninguén. Para CA, o Goberno galego segue ignorando á veciñanza, e de caer no mesmo erro de planificar unha vía sen pisar o terreo.

Comunicado da coordinadora de Compostela Aberta sobre as cargas policiais rexistradas ao remate da manifestación por Palestina

A coordinadora de Compostela Aberta manifesta a súa repulsa e condena diante das actuacións policiais acontecidas onte na nosa cidade, na parte final da mobilización nacional que reclamaba a paz en Palestina.

O Pleno de Santiago debaterá unha moción conxunta de CA e BNG para rexeitar o proxecto de Altri

Os dous grupos do Goberno solicítanlle á Xunta que emita un informe negativo a ese proxecto industrial contaminante pola súa afectación ambiental, patrimonial e económica

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo