APARCAMENTO DO HOSPITAL CLÍNICO

María Rozas: “Esixímoslle a Bugallo e á Xunta solucións inmediatas para o aparcamento do CHUS”

A portavoz de Compostela Aberta lamenta “a febleza mostrada polo alcalde, que pasou de asumir que non habería novo parking no Clínico a defender a postura de CA que inicialmente rexeitaba”
  • Rozas pide “transparencia e que se aclare por que non se aprobou ainda o convenio que Bugallo e Alfonso Rueda anunciaron en outubro e que chegou a estar incluido na orde do día da Xunta de Goberno en novembro”
  • A concelleira de CA demándalle á Xunta “que diga dunha vez se vai construir o aparcamento, porque ninguén cre a escusa de que é preciso un estudo de mobilidade na zona”

A portavoz municipal de Compostela Aberta cualificou hoxe de “esperpénticos” os desencontros que se veñen producindo nas últimas semanas entre o alcalde de Santiago e a Xunta de Galicia en torno ao proxecto do novo aparcamento do Hospital Clínico. Para María Rozas, “resulta vergoñento que mentres centos de persoas perden moito tempo e moito diñeiro para estacionar na contorna do CHUS, Bugallo e o conselleiro de Sanidade non sexan quen nin de fixar a reunión que teñen pendente desde hai tres meses e que segue sen data a día de hoxe”. Para a concelleira de CA, “outra vez queda meridianamente claro cal é o peso político do alcalde de Santiago, e cales son as ganancias que lle reportou á cidade a súa sumisión á Xunta de Feijóo durante a maior parte deste mandato”.

María Rozas reclamoulle ao alcalde que faga un exercicio de transparencia e explique en que punto real se atopan as negociacións coa  Xunta para a construción dun novo aparcamento na contorna do Hospital Clínico. Nesa liña, lembrou que no Pleno do pasado mes de decembro, Compostela Aberta preguntoulle ao alcalde polos motivos polos que non chegara a aprobarse o convenio de colaboración entre o SERGAS e o Concello de Santiago para a ampliación do CHUS, que fóra incluído na orde do día da Xunta de Goberno do 14 de novembro. Na súa resposta, Bugallo indicara que “co convenio xurdira un problema, que prefería gardar para intentar resolverlo, e anunciara unha próxima reunión cos conselleiros de Sanidade e Infraestruturas para abordar esta cuestión, xuntanza que aínda non se produciu tres meses despois”. A  portavoz  de CA sinalou que “a día de hoxe seguimos sen explicacións claras sobre ese problema en torno ao convenio, e no seu lugar o que temos é un sorprendente cruce de declaracións entre o alcalde e o conselleiro de Sanidade que non parece que vaia conducir a ningún beneficio para a veciñanza de Santiago”. Nos últimos días, o departamento autonómico difundiu un comunicado de prensa no que acusa ao Concello de “nin sequera ter aceptado o convenio de colaboración para eximir de impostos a obra de ampliación do CHUS e o edificio resultante”, mentres que o alcalde sostén que o Concello deixaría de ingresar ata tres millóns de euros pola bonificación do 95% no imposto de construción da ampliación do aparcamento, que a Xunta pretende que sexa declarada de interese local e non de interese xeral como os parkings hospitalarios doutras cidades galegas.

Vaivéns de Bugallo

Para María Rozas, “é evidente que Bugallo non mantivo unha posición firme diante da Xunta de Galicia en torno ao parking do Clínico, e semella que os milleiros de usuarios e usuarias do hospital seguirán pagando as consecuencias”. A portavoz de CA lembrou que “o alcalde empezou insistindo en que era preferible ter máis camas no CHUS a ter aparcamento, continuou rexeitando a proposta de Compostela Aberta para a ampliación do parking nunha parcela ao carón do CIMUS que contaba cun estudo de detalle aprobado no anterior mandato, argumentando que eses terreos nin valían nin solucionarían o problema; e acabou reclamando a construción do estacionamento nesa mesma parcela que xa o Goberno de CA lle ofertara á Xunta”. Rozas incidiu en que “Bugallo mostrou neste asunto unha evidente posición de febleza e unha nula claridade de ideas, que repercutiron negativamente na negociación co Goberno galego”. Ademais, lamentou que o alcalde “aborde un asunto de tal importancia como se unha partida de poker se tratara, mesmo lanzando algún farol como que ía aprobar pola súa conta a cesión da parcela á Xunta, un trámite que aínda non se produciu superado o prazo que o propio Bugallo fixara para iso”.

Rozas tamén foi moi crítica coa Xunta de Galicia, “que mantivo unha posición discriminatoria con Santiago desde o primeiro momento, porque sí asumiu a construción de aparcamentos nos hospitais doutras cidades mentres que no caso da capital galega sostén que o Sergas non constrúe estacionamentos”. Ademais, reclamoulle ao conselleiro de Sanidade “que diga con claridade se a Xunta está disposta a construir o parking do CHUS, porque ninguén que nalgunha ocasión se achegara ao Hospital Clínico cre a súa escusa de que é necesario elaborar antes un estudo de mobilidade para saber se existen problemas de accesibilidade e aparcamento”.

A portavoz de Compostela Aberta preguntouse “que aconteceu entre o alcalde de Santiago e a Xunta de Galicia desde o pasado mes de outubro, cando Bugallo saiu dunha reunión con Alfonso Rueda anunciando o acordo para a construción do aparcamento do Clínico, ata este mes de febreiro no que se suceden os cruces de declaracións e os desencontros en torno a esta actuación”. María Rozas insistiu en que “CA leva anos demandando que sexa a Xunta quen acometa a construción dese aparcamento e sinalando que debe estar localizado na parcela ao carón do CIMUS, e é unha mágoa que, xusto cando asume que as nosas peticións eran as máis razonables, o alcalde pareza rachar con esa boa sintonía coa Xunta da que tanto presumía e que finalmente non está dando ningún froito para Compostela”.

Chamada á participación na manifestación de SOS Sanidade Pública

María Rozas aproveitou a súa comparecencia para mostrar o apoio de Compostela Aberta á convocatoria da plataforma SOS Sanidade pública e facer un chamamento á participación na manifestación do próximo domingo en defensa da Atención Primaria. A portavoz de CA lembrou que “urxe que a cidadanía se mobilice fronte aos recortes da Xunta do PP que están debilitando o que debera ser o piar do sistema sanitario público”. Rozas indicou que “os veciños e veciñas de Santiago somos ben conscientes das consecuencias destas políticas, que sufrimos cada vez que faltan médicos e médicas nos nosos centros de saúde, cada vez temos que esperar semanas por unha cita, ou cada vez que quedamos sen pediatra como xa tén acontecido en reiteradas ocasións en Conxo, no Concepción Arenal ou en Galeras”. A cocelleira lembrou que “estas situacións son o froito da xestión do Partido Popular, e se o sistema non colapsa é só grazas ao esforzo dos e das traballadoras da sanidade pública, aos que temos que apoiar tamén nas rúas o próximo domingo”.

Novas
relacionadas

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

Moción conxunta para reclamarlle á Xunta que cumpra con Santiago e resolva o caos de tráfico e de falta de aparcadoiro no CHUS

María Rozas, Gonzalo Muíños e Míriam Louzao presentan unha iniciativa para que a Xunta asuma a súa competencia e realice o investimento necesario

“Nos primeiros cen días de Goberno atendimos urxencias como a dos autobuses, recuperamos o diálogo social, e reconducimos o proxecto do Centro de Persoas sen Fogar” 

O Goberno mantivo un encontro cos medios de comunicación para facer balace dos cen primeiros días de mandato

“Para CA, o responsable cos veciños era estar no goberno e aportar estabilidade”

Entrevista a María Rozas, concellería de Dereitos e Servizos Sociais e primeira tenente de alcaldesa

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo