- Rozas denuncia que o Goberno de Bugallo vén de impulsar un proceso de estabilización de persoal funcionario e laboral “con 73 prazas e ningunha delas reservada para persoas con discapacidade”
- A cabeza de lista de CA e o número 4 da candidatura, Miguel Penas, mantiveron unha xuntanza con Cogami, que trasladou as demandas da Confederación de cara ás próximas eleccións municipais
Compostela Aberta fomentará a integración laboral das persoas con discapacidade a través de tres vías: a incorporación das cláusulas sociais nos contratos do Concello, a reserva de determinadas licitacións para Centros Especiais de Emprego, e a reserva de postos para este colectivo na oferta de emprego municipal. A candidata de CA á alcaldía foi moi crítica coa actuación do Goberno neste ámbito, “porque mostrou unha absoluta falta de interese, e ralentizou os procesos impulsados durante o pasado mandato por Compostela Aberta”. Como mostra desa insensibilidade, María Rozas denunciou que no proceso selectivo de estabilización convocado polo Goberno de Bugallo para cubrir 49 prazas de persoal funcionario e 24 de persoal laboral fixo non houbo ningunha reserva de postos para persoas con discapacidade.
A candidata de Compostela Aberta á alcaldía visitou a sede de COGAMI, acompañada polo número 4 da candidatura, Miguel Penas, para coñecer mellor o traballo que desenvolve a entidade e as súas demandas. O vicepresidenta da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Ramón Sestayo, e o tesoureiro, Álvaro García, explicaron cales son as súas propostas de cara ás eleccións municipais, moitas delas xa incorporadas no programa de CA. Unha das preocupacións de Cogami tén que ver coa inserción laboral das persoas con discapacidade. Ao respecto, María Rozas explicou que o compromiso de Compostela Aberta “é seguir avanzando en cuestións que xa impulsamos no pasado mandato desde o Goberno, e que cremos que non foron ben atendidas nestes últimos anos”. Así, a candidata á alcaldía lembrou que “o Goberno de CA aprobou unha instrución para a incorporación de cláusulas sociais en todos os contratos municipais, que tamén atendían á inclusión das persoas con diversidade funcional, que agora debe ser actualizada atendendo á nova Lei de Contratos do Sector Público”. Tamén no pasado mandato, o Goberno aprobou a reserva de mercado a favor de entidades prestadoras de Servizos Públicos de Interese Económico Xeral, como empresas de inserción e de economía social, “e nestes últimos anos o equipo de Bugallo non soubo ir máis alá e nin sequera atendeu as demandas dos Centros Especiais de Emprego de que facer contratacións directas con estas entidades, e non prever só subcontratacións en grandes licitacións como a do mantemento das zonas verdes”..
María Rozas tamén se comprometeu a atender a demanda de Cogami, común á doutras entidades, e darlle cumprimento á cota de reserva legal de emprego para persoas con discapacidade “algo que non está acontecendo a día de hoxe no Concello de Santiago”. A candidata de Compostela Aberta puxo como exemplo o proceso de estabilizacición aprobado polo actual Goberno, “no que non se fixo ningunha reserva malia ser unha convocatoria de 49 prazas de funcionarios e 24 de persoal laboral fixo entre as que había postos que, polas súas características, poderían ser asignados a este colectivo”. Para Rozas, “esta é unha mostra da falta de sensibilidade e de preocupación deste Goberno, que nos consta que non atendeu ás queixas de diferentes entidades sociais por esta convocatoria”. Nesa liña, a candidata de CA salientou que “debemos aproveitar o novo escenario que temos as administracións públicas polas menores limitacións da taxa de reposición para crear emprego no Concello tendo en conta as especificidades das persoas con discapacidades, non só físicas, senón tamén intelectuais e cognitivas”.
Oficina municipal de vida independente e mobilidade
A candidata de CA informou aos responsables de Cogami de que outra das propostas que figuran no programa electoral de Compostela Aberta é a creación dunha Oficina Municipal de Vida Independente, “unha ferramenta que existe noutras cidades, e que tén como obxectivo que as persoas con diversidade funcional teñan a oportunidade de vivir de maneira independente, decidindo como, onde e con quen queren vivir”.
Na xuntanza con Cogami tamén se abordaron os graves problemas de accesibilidade e mobilidade aos que se enfrontan as persoas con discapacidade en Santiago, “un dos colectivos máis afectados polo estado lamentable do transporte urbano”. Ademais da urxencia de que a capital galega conte con autobuses accesibles, María Rozas comprometeuse a impulsar a dotación dunha flota de eurotaxis que cubran as necesidades das personas con discapacidade, con garantía de servizo as 24 horas ao día. A concelleira lembrou que en Santiago só hai 7 licenzas de eurotaxi, “pero só están dispoñibles cinco vehículos, e non son de uso exclusivo para persoas con discapacidade, de maneira que para este colectivo é complicado acceder ao servizo”.