María Rozas: “O Goberno de Bugallo gastou case cinco millóns de euros sen ningunha fiscalización en 2021”

  • Compostela Aberta solicita explicacións detalladas sobre o obxecto dos gastos e sobre os motivos polos que non se someteron a control
  • A concelleira de CA lamenta “a pésima xestión económica, as improvisacións constantes, e o abuso dos contratos menores”

Compostela Aberta denunciou hoxe a falta de control do gasto público que realiza o Goberno de Bugallo, “que só en 2021 gastou case cinco millóns de euros sen ningún tipo de fiscalización por parte da Intervención municipal, a maioría desa cifra concentrada nos últimos meses do ano”. María Rozas explicou que “esta é unha das irregularidades que relata o propio interventor nun informe do que se deu conta á Corporación no Pleno do pasado mes de maio”. A concelleira sinalou que “este documento non vén máis que a corroborar o que desde CA levamos tempo advertindo sobre a pésima xestión deste Goberno, tamén en materia económica e financeira”.

María Rozas explicou que no Pleno de maio deuse conta do informe-resumo dos resultados das actuacións de control executadas pola Intervención municipal en 2021. Ese documento, sinalou a concelleira, “confírmanos na nosa preocupación pola situación económica e contractual do Concello de Santiago”. Unha das principais irregularidades que denuncia o interventor tén que ver co elevado número de expedientes con omisión de función fiscalizadora, isto é, que non foron sometidos a ningún tipo de control por parte da Intervención municipal. Eses gastos ascenden a case 5 millóns de euros, repartidos en 56 expedientes, 51 deles concentrados no último trimestre do ano. Para María Rozas, “estas cifras son alarmantes, e requiren unha explicación detallada do Goberno local que o noso grupo municipal solicitará por escrito, para coñecer con exactitude en que se gastaron eses recursos públicos e cales foron os motivos polos que non foron fiscalizados”. 

A concelleira de CA apuntou que “neste mandato os requisitos para a fiscalización xa se alixeiraron notablemente, xa que en marzo de 2021 acordouse limitar o control previo dos gastos a só aqueles que superen os 500.000 euros ou aos que sexan competencia plenaria”. Rozas lembrou que a intención inicial do Goberno era “suprimir esta fiscalización en absolutamente todos os gastos, pero finalmente aceptáronse os límites propostos en Pleno por Compostela Aberta para garantir a seguridade xurídica e evitar que grandes contratos como o do transporte público foran licitados sen esta fiscalización previa”. Malia esas facilidades, lamentou a concelleira, “o Goberno de Bugallo non está sendo quen de axilizar os trámites e as licitacións pendentes como a dos propios autobuses ou os comedores escolares, pero sí está saltando de maneira sistemática a limitada fiscalización previa á que está obrigado”. Nese sentido, aclarou que “moitas das facturas que aparecen neste informe corresponden a contratos que superan esa contía do medio millón de euros e polo tanto deberan ser fiscalizados”

Outras irregularidades

María Rozas explicou que no citado informe, “a Intervención municipal faille ao Goberno unha serie de recomendacións que cadran con denuncias que vimos formulando desde Compostela Aberta ao longo de todo este mandato, e sobre as que o equipo de Bugallo debera empezar a tomar nota”. Así, o interventor reclama unha mellor planificación da contratación, para que as licitacións sexan tramitadas con tempo abondo para elaborar a documentación previa; e un maior seguimento e control entre a expiración dos contratos vixentes e as novas contratacións. O informe tamén apunta a necesidade de reducir o volume dos contratos menores e realizar un uso máis racional destas figuras, introducindo na normativa interna municipal a obrigatoriedade de promover a concorrencia na adxudicación destes contratos menores.

Ademais, a concelleira sinalou que “as irregularidades que denuncia o interventor refírense a outras cuestións sobre as que tamén temos advertido en Compostela Aberta, como os procesos selectivos do persoal municipal e a xestión das listas de agarda”. Ao respecto a Intervención demanda unha regulación  na xestión das listas de reserva para o nomeamento dos funcionarios interinos, “que concordamos en que é urxente impulsar”.

Pleno extraordinario

María Rozas aproveitou a súa comparecencia para denunciar “unha nova mostra do mal facer deste Goberno, da súa improvisación e mesmo da súa falta de respecto ao labor da oposición, que tén que ver co Pleno extraordinario convocado para mañá para a aprobación de novos expedientes de crédito extraordinario”. Un deles, por importe de 3,5 millóns de euros, “foi a unha comisión de Facenda extraordinaria e urxente, convocada media hora antes da sua celebración e sen que a oposición tivera acceso antes dese prazo a ningunha documentación”. Ese expediente, refírese ás axudas para o tecido asociativo e comercial “que levan semanas acordadas por unanimidade na Xunta e Voceiros, pero que o Goberno non foi quen de tramitar en tempo e forma, senón como fai todo: tarde, mal e a rastras”.

Ademais deste expediente, o Goberno leva ao Pleno de mañá outro de 1,3 millóns de euros para o pago de facturas pendentes do ano 2021, “que se suma ao 1,7 millóns que xa tivo que habilitar en Plenos anteriores”. O terceiro expediente que se debaterá mañá é un modificativo para que o Goberno poida xustificar a achega municipal para unha subvención da Xunta, “unha xustificación que a administración autonómica lle está reclamando ao Concello desde o mes de marzo, e que o Goberno non foi quen de atender en prazo malia ser dunha cantidade menor, de pouco máis de 22.000 euros”. María Rozas salientou que “ademais deste atraso, este expediente é revelador da mala xestión e das incoherencias deste Goberno por dúas cuestións: porque os fondos proceden unha subvención que conseguira CA para a instalación de illas de compostaxe á que o Goberno de Bugallo renunciou, e porque a nova axuda solicitada é para a implantación da compostaxe comunitaria, que o Goberno non quixo contemplar nos novos pregos do servizo do lixo”.

“Por todo isto”, concluiu María Rozas, “parece evidente que este Goberno non quere ser fiscalizado, nin polo interventor municipal, nin pola oposición, á que nos poñen continuas trabas para avaliar a documentación con tempo. E a pregunta é que temen? Que é o que lle preocupa a Bugallo e ao seu equipo?”

Novas
relacionadas

Comunicado da coordinadora de Compostela Aberta sobre as cargas policiais rexistradas ao remate da manifestación por Palestina

A coordinadora de Compostela Aberta manifesta a súa repulsa e condena diante das actuacións policiais acontecidas onte na nosa cidade, na parte final da mobilización nacional que reclamaba a paz en Palestina.

O Pleno de Santiago debaterá unha moción conxunta de CA e BNG para rexeitar o proxecto de Altri

Os dous grupos do Goberno solicítanlle á Xunta que emita un informe negativo a ese proxecto industrial contaminante pola súa afectación ambiental, patrimonial e económica

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo