Compostela Aberta pedirá no Pleno de mañá que o Goberno local renda contas do grao de cumprimento do Plan de Contratación de 2020, presentado hai pouco máis dun ano polo alcalde e pola concelleira de Facenda. Será a través dunha interpelación asinada por María Rozas, que lembra que “cando Bugallo e Marta Abal presentaron o plan comprometéronse a executalo dentro do pasado exercicio, e mesmo puxeron data para a licitación de importantes contratos que, a día de hoxe, seguen pendentes”. Para a concelleira de CA, “o Goberno debe explicar os motivos polos que non foi quen de executar un plan que elaborou e presentou xa en plena pandemia, a só seis meses de finalizar 2020, e mesmo prometendo que serviría para reacticar a economía e Santiago”.
María Rozas quere que o Goberno explique no Pleno que calendario prevé para as licitacións incluídas no Plan de Contratación 2020, “e que seguen pendentes cando xa superamos o ecuador do ano 2021”. A concelleira de Compostela Aberta lembrou que o plan presentado por Bugallo e Marta Abal “incluía 113 contratos por un importe de case 800 millóns de euros, un gran titular que o Goberno do PSOE quixo vender a bombo e platillo asegurando que repercutiría na mellora dos servizos municipais, na creación de emprego, e na recuperación económica de Santiago despois da pandemia da Covid-19”. Para María Rozas, “é evidente que a día de hoxe, transcorrido máis de medio ano do 2021 e máis dun ano despois da presentación daquel documento, o Plan de Contratación non está cumprido na súa maioría, e o Goberno debe explicar por qué”. A concelleira pediulle ao executivo de Bugallo “que non ouse escudarse na pandemia para xustificar o incumprimento, porque o plan de contratación foi presentado en xuño de 2020, xa en plena crise da Covid, e nunha rolda de prensa na que o Goberno lle puxo datas inminentes a algúns contratos que seguen agardando”. Nesa liña, Rozas salientou o contrato do transporte público, “que o 6 de xuño de 2020 o alcalde e a concelleira de Facenda dixeron que estaría licitado en xullo dese ano, e do que seguimos sen noticias un ano despois”.
A concelleira de Compostela Aberta insta ao Goberno a explicar tamén por que non tén presentado un Plan de Contratos de 2021, habida conta de que a concelleira de Facenda incidiu en que o Plan de Contratos de 2020 se presentaba para darlle cumprimento a unha obriga legal recollida na Lei de Contratos do Sector Público. Para a concelleira de Compostela Aberta “semella claro que Bugallo e Marta Abal non queren pasar pola vergoña de presentar para este ano unha lista que sexa pouco máis que un copia e pega da lista de licitacións que presentaron para o ano 2020, e que non foron quen de executar”. Unha vez máis, engadiu Rozas, “os feitos demostran que por moita propaganda que se queira facer sobre os chamados bos xestores, o Goberno do PSOE tén conseguido un rotundo suspenso nesta primeira metade do seu mandato”.
PODES CONSULTAR AQUÍ A INTERPELACIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA AO GOBERNO LOCAL SOBRE A IMPLEMENTACIÓN DO PLAN DE CONTRATACIÓN ANUNCIADO EN XUÑO DO 2020