Compostela Aberta quere manifestar a sua preocupación diante dos acontecimentos producidos nos últimos días na Cataluña.
Consideramos que a imputación das 712 alcaldesas e alcaldes cataláns que manifestaron o seu apoio ao referendum do 1-O non fai máis que agravar o problema e supón unha vulneración das máis elementares liberdades democráticas e dereitos fundamentais.
O que estamos vendo hoxe non é a vulneración dos dereitos a un colectivo, se non que se lle está a negar o dereito a votar ao conxunto da cidadanía, con independencia de cal sexa a súa posición de cara á pregunta formulada dende a lexitimidade que emana da vontade popular expresada no Parlament de Cataluña. Vemos con preocupación como unha cuestión política é xudicializada, nun intento groseiro de pechar o debate en falso.
Un debate que a sociedade catalá e as súas institucións de autogoberno quixeron abordar e solucionar con métodos pacíficos e democráticos e que o goberno español pretende silenciar presionando a cargos electos e funcionarios, impedindo a realización de actos públicos, incautando urnas e papeletas, rexistrando imprentas ou pechando páxinas web. Non son necesarias solucións xudiciais senón políticas.
Entendemos que a cidadanía ten dereito a posicionarse en relación aos retos que a atravesan. Debemos avanzar a formas políticas máis participativas e transparentes, que nos permitan tomar as decisións en común, no que as urnas non sexan vistas como un problema. Porque a democracia é o dereito a decidilo todo.