- Marta Lois: “durante o goberno de CA arrancáronse importantes compromisos para a cidade que agora compre que se fagan realidade como o Orbital, a Intermodal, a EDAR ou o plan estratéxico 2017-2026 do Consorcio de Santiago”
A voceira municipal de Compostela Aberta salientou hoxe “a aposta polo social do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado que vén de presentar o Goberno central, que é prioritaria no actual contexto de pandemia e de crise sanitaria e económica”. Para Marta Lois, “non estamos no momento de valorar as contas do Estado únicamente polo capítulo de investimentos e polo cemento, senón pola súa capacidade de poñer os problemas reais da xente no centro das políticas públicas”.
Á espera de analizar máis polo miúdo o documento, Marta Lois valorou positivamente algunhas das medidas anunciadas ao abeiro destes orzamentos, nomeadamente en materia de Vivenda. A voceira de CA considerou “de vital importancia que, por fin, o Goberno controle o mercado de alugueiro, unha medida que beneficiará especialmente a Santiago porque a nosa cidade vén sufrindo un serio problema de carestía de vivenda e de encarecemento dos prezos, que lle afecta ao conxunto da veciñanza e tamén á súa poboación estudantil”. Na mesma liña, a concelleira valorou positivamente as medidas anunciadas para mellorar o Ingreso Mínimo Vital, “unha ferramenta que non está a cumprir as expectativas, e que urxe activar, e máis nestes momentos” ainda que “a nosa aposta continúa a ser a implementación dunha Renda Básica Universal”. Lois lembrou que en Santiago hai 1.300 familias e 3.500 persoas que solicitaron o Ingreso Mínimo Vital, “e lamentablemente todo apunta a que esa cifra se pode incrementar nos próximos meses,polo que urxe que este instrumento estea activado, e que o Concello o acompañe a través da Ordenanza de Garantía Básica”.
Tamén en materia social, Marta Lois salientou os incrementos anunciados para Educación ou Igualdade, “en particular a previsión de impulsar un proxecto para favorecer a conciliación que, como quedou demostrado nesta pandemia, é unha materia pendente para as familias, nomeadamente para as mulleres”.
Investimentos e Consorcio
No apartado de investimentos, a voceira de CA reiterou que Santiago precisa fundamentalmente de tres grandes infraestruturas, “que quedaron desbloqueadas durante o pasado mandato de Compostela Aberta, e para as que botamos en falta un maior impulso nestes Orzamentos Xerais do Estado”. Trátase da intermodal, a EDAR, e o orbital e o orbitaliño. Marta Lois recoñeceu unha especial preocupación pola estación depuradora, “porque a partida prevista parece escasa pero, sobre todo, porque estamos pendentes de que se clarifique que tipo de fondos europeos van ser os que se destinen ao financiamento da infraestructura”. Marta Lois urxiu ao alcalde Bugallo a clarificar canto antes como se vai financiar a EDAR, “porque o Ministerio de Facenda do PSOE decidiu mudar os criterios para a concesión duns fondos europeos que xa estaban comprometidos para a depuradora de Santiago”.
Ainda en materia de obras, Marta Lois referiuse á humanización da rotonda de Conxo, “que a priori non aparece con partida propia nos orzamentos, pero que confiamos en que se execute con cargo a algunha partida xenérica. Así o esixiremos, porque foi un compromiso que arrancou o goberno de CA do Ministerio de Fomento e comprometida tanto polos gobernos de Rajoy como de Pedro Sánchez, e que non se pode adiar máis”.
Por último, Marta Lois esixiu un maior compromiso do Goberno central co Consorcio de Santiago, “tanto no que ten que ver coa achega ordinaria e que anualmente contemplan os orzamentos do Estado, que segue reducida á metade con respecto ao ano 2007; como coa convocatoria dun Real Padroado que recolla os fondos para levar adiante o plan estratéxico 2017-2026, que xa foi elaborado durante a etapa do Goberno de CA e que agora haberá que atualizar diante da inacción estatal nos útlimos tres anos”.