CA insta ao Goberno a impulsar unha batería de medidas para recuperar o río Sar

O grupo municipal de CA levará ao Pleno unha moción que recolle nove propostas acordadas coa Plataforma pola Recuperación do Río Sar
  • Jorge Duarte reclama a participación dalgún técnico municipal no equipo avaliador que determinará o proxecto da EDAR da Silvouta

Compostela Aberta instará ao Goberno local a poñer en marcha unha batería de medidas que teñen como obxectivo “favorecer a conservación do río Sar e protexer a súa biodiversidade, fronte á contaminación das súas augas derivada tanto de verteduras incontroladas como da insuficiente capacidade da actual EDAR”. O concelleiro Jorge Duarte presentou hoxe a moción que o grupo municipal de CA levará ao próximo Pleno, e que reúne ata 9 propostas diferentes acordadas coa Plataforma en Recuperación do Río Sar.

Jorge Duarte lembrou que “a importancia do Sar para Santiago está perfectamente documentada, pero malia a iso o río leva padecendo moitos anos a contaminación das súas augas, tanto polos verquidos incontrolados que se producen ao longo do seu leito como pola incapacidade da actual EDAR da Silvouta para sanear unha grande parte das augas residuais que produce a cidade”. Esa situación, apuntou o concelleiro, foi a que motivou o nacemento pola Plataforma pola Recuperación do Río Sar, “un colectivo que traballa desde 2012 para reivindicar medidas encamiñadas á conservación da biodiversidade da flora e da fauna do contorno do Sar, así como do seu patrimonio cultural e etnográfico”.

Nova EDAR da Silvouta e colectores

Unha das cuestións nas que pon o acento a moción de Compostela Aberta, recollendo a preocupación da Plataforma pola Recuperación do Río Sar, é no proceso de selección do proxecto da nova EDAR da Silvouta. Duarte lembrou que no pasado mandato “o Goberno de CA conseguiu reencamiñar o proxecto da depuradora, salvar o espazo natural do Souto, e poñer as bases para que, grazas a un procedemento de diálogo competitivo, Santiago conte cunha infraestrutura coa mellor tecnoloxía, máis barata e con menor impacto ambiental”. A preocupación agora, apuntou o concelleiro, é que se salvagarden os intereses municipais, e por iso na moción que será debatida no Pleno “instamos ao Goberno local a demandar a participación dalgún representante técnico do Concello no equipo avaliador que determinará o proxecto da EDAR, porque na actualidade só forman parte deste órgano dous técnicos de ACUAES”. O edil considerou “imprescindible que o Concello participe neste proceso, e máis tendo en conta que os proxectos preliminares se pagarán con 450.000 euros de fondos municipais” 

Na moción presentada hoxe, o grupo municipal de CA tamén insta ao Goberno a solicitar información sobre a redacción do proxecto do colector interceptor xeral do río Sarela, que o Ministerio de Medio Ambiente encargou no ano 2016 por un importe de case 200.000 euros 

 Verteduras e limpeza

Jorge Duarte tamén se referiu á necesidade de investigar, e sancionar, as verteduras que se veñen producindo no río Sar, “como as rexistradas nos últimos meses á altura das piscinas municipais ou na Ponte de Sar”. Ademais, reclamou que se inste a Viaqua a realizar as obras das acometidas de augas residuais de vivendas que verten directamente ao rio na Travesía da Fervenzas e en Poza Real en Conxo. 

Ao tempo, o moción pide que o Concello interpoña una queixa ante a Xunta pola mala limpeza do cauce realizada no mes de agosto, e que solicite a Augas de Galicia a retirada dos troncos cruzados no río e os tubos vellos que se atopan na canle do Sar,  así como a limpeza augas abaixo da EDAR de Silvouta ata o Souto. Asímesmo, demándase a limpeza urxente da planta invasora “herba da pampa” que se esta a propagar sobre os terreos onde se executaron as obras do colector nas marxes do Sar, nas zonas de Torrente, a Rocha e a Escurridía.

Conservación e protección

A moción que será debatida no Pleno tamén volve instar á Xunta a declarar O Souto como Espazo Natural de Interese Local, unha petición que, lembrou Jorge Duarte, “Compostela Aberta xa levara ao Pleno ordinario de xullo e foi aprobada, pero descoñecemos se o Goberno do PSOE ten dado algún paso para materializar a declaración”.

Na mesma liña, e de acordo coa Plataforma pola Recuperación do Río Sar, solicítase a protección hidrolóxico-forestal das cuncas hidrográficas do Sar, “mediante a conservación e restauración das brañas e regatos de monte, erradicando as especies pirófitas e invasoras como os eucaliptos e promovendo no seu lugar os bosques autóctonos”. Por último, solicítase a restauración das pontes sobre o río Sar, fundamentalmente das da Rocha Vella e Vidán, que xa contan con proxecto aprobado; e a conservación e protección dos elementos patrimoniais vinculados ao río, “en particular os muíños que non aparecen no catálogo de bens culturais, que están desprotexidos e a piques de desaparecer”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN PRESENTADA POR COMPOSTELA ABERTA

Novas
relacionadas

“Que dous señores tomen decisións a 25 anos nun despacho, sen escoitar a ninguén, e a dous meses das eleccións, mostra a súa nula calidade democrática”

Compostela Aberta reconducirá os usos anunciados para a Casa do Matadoiro “que non poden depender de ocurrencias de Bugallo en tempo de desconto”

Jorge Duarte: “Hai consenso político e técnico sobre cal é o mellor proxecto para Castrón Douro, e só Bugallo leva a contraria”

Na comisión asesora de hoxe, quedou sobre a mesa a modificación do proxecto da II fase de Castrón Douro por falta de apoios, e Compostela Aberta demandará no Pleno que se manteña o acordado no pasado mandato coa veciñanza

CA esíxelle a Bugallo que manteña o proxecto orixinal para a segunda fase da reurbanización de Castrón Douro

María Rozas e Jorge Duarte reuníronse coa veciñanza da zona, que non foi informada polo Goberno da súa intención de modificar o proxecto que quedara elaborado no pasado mandato

A Xunta responde ás alegacións de CA ao proxecto da senda ciclista do Milladoiro e asume o cambio de trazado no ámbito da Colexiata de Sar

María Rozas lamenta que o Goberno galego non asuma outras das demandas formuladas por Compostela Aberta “para que unha actuación na que se van investir 12 millóns de euros non acabe sendo un proxecto decepcionante”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo