CA insta ao Goberno a “revisar o grao de cumprimento do acordo sobre os orzamentos de 2020 e empezar a traballar nos de 2021”

Marta Lois vén de remitir unha carta ao PSOE para solicitar que convoque unha xuntanza na primeira quincena de setembro
  • Compostela Aberta pídelle ao grupo socialista que “respecte o seu compromiso sobre o destino dos remanentes municipais”

A voceira municipal de Compostela Aberta, Marta Lois, vén de remitirlle ao Goberno local unha carta na que reclama a convocatoria dunha xuntanza  para avaliar o grao de cumprimento do acordo asinado en febreiro para facilitar a aprobación dos orzamentos municipais de 2020. A concelleira pídelle ao PSOE que esa reunión teña lugar na primeira quincena de setembro, e que nela se revise a proposta para a utilización dos remanentes e se empece a falar das contas do próximo ano 2021.

Na carta que lle foi remitida esta mañá ao grupo municipal do PSOE, Marta Lois indica que “para CA continúan vixentes os eixos estratéxicos achegados a principios deste ano, sobre todo no relativo a reforzar os investimentos en gasto social e garantir un bo desenvolvemento dos servizos municipais, como piares para combatir a crise da Covid-19”. Do mesmo xeito, “consideramos vixentes e válidos os compromisos recollidos no ‘Pacto polo Rural’, impulsado por FERUSA e a activación das actuacións recollidas no ‘Acordo do Foro Cívico’ asinado en maio do 2019”.

Proposta de remanentes

Ademais de revisar o grao de cumprimento do acordo acadado en febreiro por CA e PSOE, Marta Lois apunta que “o Goberno debe explicar cales son as súas previsións para o que queda de ano con respecto a ese acordo, e en concreto con respecto á proposta para os remanentes, que o alcalde dixo querer aprobar en setembro”.  A voceira de Compostela Aberta lembra que “o documento asinado recollía o compromiso do grupo socialista de financiar con cargo aos remanentes varias das reclamacións de CA, que sumaban unha contía dalgo máis dun millón de euros”.

En concreto, no acordo cítanse actuacións aprobadas nos procesos de Orzamentos Participativos como a recuperación da rúa da Caramoniña, a integración do Matadoiro no parque de Belvís ou o centro sociocultural de Galeras; e actuacións que figuraban nos orzamentos de 2019 que non foron aprobados, como a cuberta do pavillón municipal de Quiroga Palacios ou os parques biosaudables e infantís do rural norte. Para Marta Lois, “o Goberno debe manter a súa palabra na proposta de remanentes, e aínda quedarían uns 2,5 millóns de euros dispoñibles para atender outras necesidades derivadas da crise da Covid-19, tendo en conta as propostas que desde CA lle fomos achegando desde o comezo do estado de alarma e nas que atendimos aos principais sectores afectados pola pandemia ”.

Orzamentos de 2021

Por último, Marta Lois invita ao PSOE a que convoque esa xuntanza na primeira quincena de setembro “para poñer en común as previsións orzamentarias para o ano 2021”. A concelleira sinalou que “é preciso empezar a traballar canto antes, porque o ano que vén será un ano decisivo para Santiago, un ano no que non vai abondar nin fialo todo ao Xacobeo nin encomendarnos ao Apóstolo”. Para a voceira de CA, “o Goberno de Bugallo debe ter claro canto antes cal é a saída que quere para esta situación de crise, e a partir de aí deseñar uns orzamentos que poidan recabar o apoio dalgún dos dous grupos que son decisivos para a súa aprobación: ou Compostela Aberta ou o PP”. Marta Lois reiterou a total vontade de colaboración de CA, “que desde o comezo deste mandato, e especialmente desde o inicio da crise da Covid.19, vén mostrando a súa absoluta responsabilidade e o seu traballo constructivo en prol dos intereses da veciñanza de Santiago”.

PODES LER AQUÍ A CARTA REMITIDA AO GRUPO MUNICIPAL DO PSDG-PSOE

PODES LER AQUÍ O ACORDO SOBRE OS ORZAMENTOS ASINADO EN FEBREIRO DE 2020

Novas
relacionadas

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

María Rozas asina o acordo entre o Foro Cívico e as forzas políticas municipais para atender os retos de Santiago  

A candidata de Compostela Aberta cualifica de “moi positivo que se poña o foco sobre cuestións que van alén das grandes infraestruturas, e das que CA leva falando xa moitos anos como a gobernanza o turismo”

Compostela Aberta é a única formación que tén publicado e accesible o seu programa electoral

María Rozas aféalle a PSOE, PP e BNG que leven días “falando de propostas duns programas que non se sabe onde están nin que compromisos firmes incorporan”

Yolanda Díaz arroupa a Compostela Aberta no día grande da Ascensión

A vicepresidenta pediu o apoio para María Rozas nas eleccións do próximo día 28 “porque é a mostra dunha maneira de facer política en maiúsculas”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo