CA pide a convocatoria da Comisión de Memoria Histórica e a elaboración dun plan de actuación de Memoria Democrática

A concelleira Branca Novoneyra pide “pasar do simbólico e das declaracións de intencións a accións concretas como as impulsadas nos últimos anos”

Compostela Aberta demanda a convocatoria da Comisión de Memoria Histórica, que só celebrou unha primeira reunión constitutiva no pasado mes de abril, e que este órgano elabore un plano de actuación de Memoria Democrática, de acordo co espírito da nova lei que está a tramitar o Goberno central. Así o explicou a concelleira Branca Novoneyra, que levará ao próximo Pleno unha moción que tamén demanda “a posta en marcha de accións de investigación, sinalización e propostas de intervención sobre os lugares da memoria e da resistencia democrática, con especial atención ao papel activo das mulleres”.

Branca Novoneyra lembrou que a Comisión Especial de Memoria Histórica do Concello de Santiago quedou constituída o pasado 27 de abril “e tres meses despois non tivemos máis noticias dese órgano, malia o compromiso do Goberno de celebrar unha nova reunión en breve”. Para a concelleira de Compostela Aberta “é preciso que o Goberno acelere a toma de decisións en materia de memoria democrática, e que o Concello vaia máis alá dos simbolismos e das declaracións de intencións para abordar un plano de actuacións máis concretas”. Novoneyra incidiu en que “é precisa a recuperación da memoria democrática, para que Santiago se coñeza e se recoñeza por completo”.

Así, na moción que se vai debater no Pleno da próxima semana, reclámase “a convocatoria da Comisión de Memoria Histórica e a incorporación á mesma de persoas, institucións e colectivos referentes en Compostela no ámbito da historia e a memoria; así como que a comisión elabore un plano de actuación de Memoria Democrática que concorde co espírito da nova Lei que está a tramitar o Goberno central, fundamentalmente no que tén que ver coa participación social e a reparación das vítimas”. Tal e como explica Branca Novoneyra, “este plano de actuación debe recoller accións concretas, tanto de investigación, sinalización e intervencións sobre lugares da memoria e da resistencia democrática que teñan caído no esquecemento”. Na moción tamén se demanda que “no plano de Memoria Democrática e na propia Comisión de Memoria Histórica teña un especial tratamento o papel activo das mulleres de Compostela como protagonistas da loita pola democracia e polos valores da liberdade, igualdade e solidariedade”.

A concelleira Branca Novoneyra lembrou o “papel activo e responsable que tivo o Goberno de Compostela Aberta nesta materia, con iniciativas como as que permitiron lembrar o 80 aniversario do inicio da Guerra Civil española, nas que o Concello contou coa colaboración de Histagra, un recoñecido grupo de investigación da USC”. Novoneyra lembrou tamén outras actividades de recuperación da memoria democrática impulsadas no pasado mandato, “desde actos máis simbólicos como os diferentes bandos de alcaldía, as homenaxes a figuras como as Marías, Ánxel Casal, Camilo Díaz Baliño ou Isaac Díaz Pardo; ata a demanda para a recuperación das figuras do Mestre Mateo roubadas pola familia Franco ou a celebración do Banquete de Conxo, pasando por publicacións sobre o Santiago Republicano ou o Estatuto do 36”.

PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE A MEMORIA DEMOCRÁTICA

Novas
relacionadas

Branca Novoneyra: “O Goberno de Bugallo ten unha última oportunidade para autocorrixirse e apostar polos artistas locais na programación das festas”

Compostela Aberta leva ao Pleno unha moción para esixir un plan de contratación de artistas e empresas culturais locais para a Ascensión e o Apóstolo, cunha dotación mínima de 250.000 euros

CA reitera o seu apoio á creación dun Conservatorio Profesional de Danza en Santiago

María Rozas e Branca Novoneyra reuníronse coas representantes da Plataforma que leva anos reclamando este centro “para o que existe unha enorme demanda en Compostela”

CA reclama a redacción do I Plan Estratéxico da Cultura

Branca Novoneyra denuncia que Santiago caeu ao posto 15 no informe “Lo mejor de la Cultura 2022”, no que ocupaba o posto 10 en 2016

Compostela Aberta denuncia o fracaso da convocatoria de axudas para actividades culturais, con só tres entidades beneficiarias

Branca Novoneyra reclama un plan de formación para as asociacións culturais, “porque non é asumible que só 3 entidades reciban este tipo de axudas e queden sen gastar 30.000 euros”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo