- Marta Lois: “Bugallo mentiu ata en dúas ocasións asegurando que os procedementos estaban de novo en marcha, e máis dun mes despois seguen sen estalo”
Compostela Aberta denunciou hoxe que o Goberno ainda non reiniciou a licitación de importantes contratos que, ou ben quedaron desertos ou ben a súa adxudicación foi anulada. A portavoz municipal, Marta Lois, referiuse, en concreto, a tres expedientes vinculados á estratexia EDUSI e á licitación do servizo de limpeza das instalacións municipais, e explicou que “é difícil entender a demora que acumulan estes procedementos, e é imposible de xustificar que o alcalde minta reiteradamente sobre o estado no que se atopan algunhas destas tramitacións”.
Licitacións pendentes da EDUSI
Marta Lois mostrou a súa preocupación polo atraso que acumulan algúns expedientes vinculados á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado, financiada con 10 millóns de euros de fondos europeos e cun prazo de xustificación ata finais de 2023. A portavoz de CA lembrou que o pasado 20 de setembro a Xunta de Goberno declarou desertas tres licitacións vinculadas á EDUSI: a redacción do proxecto das obras de mellora do Campus Sur, a redacción do proxecto do Centro de Inclusión, e a redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible. Nos dous primeiros casos, ningunha empresa presentou oferta para facerse co contrato. Tal e como recordou Lois, “Bugallo comprometeuse ese mesmo día, o 20 de setembro, a reiniciar as licitacións á semana seguinte, pero transcorrido mes e medio e celebradas 13 reunións da Xunta de Goberno, nada sabemos do reinicio deses expedientes”. A portavoz de CA afirmou, ademais, que “o alcalde mentiu dúas veces en rolda de prensa, ao afirmar o 4 e o 11 de outubro que os procedementos de contratación estaban reiniciados cando seguen sen estalo a día de hoxe”.
A portavoz de CA pediulle ao Goberno que explique “cales son os motivos do atraso no reinicio destas licitacións, porque non se entende esta demora se, tal e como dixo o alcalde, non eran necesarias modificacións nos pregos senón unicamente unha maior difusión dos procedementos para que desta vez sí haxa empresas interesadas en presentar as súas ofertas”. Do mesmo xeito, Marta Lois tamén instou ao Goberno “a reiniciar de inmediato o procedemento de contratación da redacción do Plan de Mobilidade Urbana, que tamén foi declarado deserto o 20 de setembro, despois dunha resolución do TACGal, e no que sí se anunciou a introdución de modificacións das que non tivemos máis noticias”.
Servizo de limpeza das dependencias municipais
Marta Lois tamén lle pediu hoxe ao Goberno que aclare que prazos manexa para a licitación do Servizo de limpeza nos edificios e instalacións dependentes do Concello, “despois de que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia anulara a adxudicación feita hai xusto un ano á empresa ISS”. A portavoz de CA explicou que a Xunta de Goberno deu conta a resolución do TACGal o 18 de xaneiro, nun acordo que sinalaba que “esta anulación, máis alá da necesaria revisión do estudio económico de base dado o tempo transcorrido dende a súa redacción, non esixe a substitución ou modificación dos pregos administrativo e técnico de aplicación. Non obstante, analizado no seu conxunto o desenvolvemento do procedemento, procederase a súa revisión, coa finalidade de resolver discrepancias, simplificar conceptos e clarificar obxectivos, buscando así unha maior transparencia”. Para Marta Lois, “é sorprendente que desde ese acordo de xaneiro transcorreran oito meses ata que o Goberno adxudicou o contrato menor para a determinación dos custos do servizo de limpeza de dependencias municipais, o pasado 21 de setembro”.
Por último, e en relación ao servizo de limpeza, a portavoz de Compostela Aberta urxiu ao Goberno a iniciar a licitación do servizo de limpeza, conserxería e mantemento dos CEIPs de Santiago, que segue sen contrato. Marta Lois explicou que “a Xunta de Goberno vén e autorizar o pago de facturas a Ferrovial por case 540.000 euros pola prestación dese servizo desde o mes de marzo ata o pasado setembro, e non nos consta que se teña dado ningún paso para regularizar a situación dese contrato”.