Compostela Aberta leva ao Pleno a oposición da veciñanza de Marrozos á instalación dun vertedoiro de residuos da construción en Corexo

O proxecto presentado no Concello afectaríalle a uns terreos de especial protección agropecuaria, rodeados de vivendas, e sen accesos aptos para o tráfico pesado
  • O grupo municipal de CA advirte do risco de que o de Corexo se sume a proxectos nocivos como os de Miramontes ou Casalonga, e pide que o Pleno non ampare esta agresión ao medio ambiente

Compostela Aberta levará ao próximo Pleno unha proposición en apoio á veciñanza do lugar de Corexo, na parroquia de Marrozos, que se opón á instalación dun vertedoiro de residuos da construción na aldea, nunha finca rústica de protección agropecuaria. O grupo municipal de CA quere instar ao grupo de Goberno a revisar a solicitude feita pola empresa que impulsa o proxecto, e a ter en conta as alegacións que presenten as persoas afectadas. A concelleira Marta Lois, que visitou a zona o pasado venres acompañada pola veciñanza, advirte do serio risco de que “o proxecto de Corexo acabe derivando en problemáticas similares ás que xa coñecemos en Santiago pola canteira de Miramontes, e na nosa contorna, por proxectos como os da Casalonga, en Teo; ou o de Touro”. Por iso, CA pedirá que o Pleno declare que “non amparará a agresión ambiental e social que suporían estas instalacións”

O vertedoiro de residuos constructivos estaría localizado nunha finca rústica de case 23.000 metros cadrados na aldea de Corexo, que tén a consideración de solo de protección agropecuaria e que está rodeada de vivendas. Segundo se recolle no proxecto presentado pola empresa diante do Concello, a parcela utilizaríase como depósito temporal de residuos da construción que deben ser tratados ou eliminados en instalacións situadas a grandes distancias, e sería alí onde se realizaría a separación e clasificación deses residuos. Para a voceira de Compostela Aberta, “esta actividade non semella a máis idónea para desenvolver nun solo rústico con especial protección agrícola, que está rodeado de vivendas e próximo a un curso de auga”. Por iso, na proposición rexistrada hoxe, CA pide que o conxunto da Corporación declare “o non amparo do Concello de Santiago ás agresións ambientais e sociais e á implantación de usos inadecuados en terreos rústicos de especial protección agrícola, especialmente nas proximidades de núcleos rurais poboados”. Para Marta Lois, “as institucións públicas e en particular o Concello de Santiago tén o obxectivo de salvagardar o ben común, e iso é incompatible con defender os intereses esconómicos e de empresas  particulares que agreden social e ambientalmente ás poboacións locais, con proxectos como o que está a sufrir a veciñanza da Grixoa”.

Modificación da Lei do Solo

Marta Lois explica que a empresa que está a tramitar o proxecto de vertedoiro de Corexo ampárase no artigo 35.1 da Lei do Solo de Galicia que permite construír en solos rústicos “instalacións e infraestruturas (…) de saneamento e xestión e tratamento de residuos, sempre que non impliquen urbanización ou transformación urbanística do terreo polo que discorran”; usos que non aparecen recollidos na ordenanza municipal sobre os solos rústicos de protección agropecuaria. Para a concelleira, “é urxente que a Xunta modifique ese artigo, que entra en contradición co Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2016-2020, que sinala que as instalacións de xestión de residuos, agás as relacionadas coa eliminación de residuos nos recheos, estarán situadas en polígonos industriais”. A voceira de CA lembra que, no caso de Marrozos, “hai dous polígonos industriais con parcelas dispoñibles moi cerca de Marrozos, un en Boqueixón, a uns cinco quilómetros, e o de Costa Vella, a menos de 12, e por iso non se entendería que este proxecto de vertedoiro chegara a executarse no medio dunha aldea”. Do mesmo xeito, Marta Lois lembra que o Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia fai mención á distancia deste tipo de instalacións aos núcleos de poboación, “e en Corexo habería oito vivendas a menos de 25 metros do vertedoiro, que sufrirían unha importante desvalorización que se sumaría ao forte impacto paisaxístico e ambiental para a toda a contorna das instalacións”.

Afectación ao tráfico

Compostela Aberta tamén advirte da afectación que o vertedoiro tería sobre o tráfico, “posto que a finca elixida para o proxecto non está conectada directamente con ningún viario de alta capacidade, senón que o acceso ao vertedoiro sería a través dunha pista de concentración parcelaria que está conectada coa estrada provincial DP-8203, e que non tén as características necesasrias para soportar o tráfico pesado que xeraría o proxecto”. Ademais, a estrada provincial afectada “atravesa unha zona amplamente poboada, e que xa soporta un intenso tráfico porque é un dos principais viarios que comunican os concellos de Vedra e Santiago”.

Por este motivo, na proposición que se debaterá no Pleno de setembro, o grupo municipal de CA tamén solicita que o departamento de Tráfico do Concello de Santiago instale a sinaléctica que indique os pesos máximos permitidos para os vehículos en todas as pistas e viarios que discorren pola aldea de Corexo.

Por último, CA quere que o conxunto da Corporación municipal manifeste no Pleno o seu apoio á veciñanza de Corexo na súa lexitima oposición á instalación do vertedoiro ao pé das súas casas, e que se dea conta do acordo aos  grupos con representación no Parlamento de Galicia.

PODES CONSULTAR AQUÍ A PROPOSICIÓN DE CA PARA NON AMPARAR A INSTALACIÓN DUN  VERTEDOIRO NO LUGAR DE COREXO, NA PARROQUIA DE MARROZOS

Novas
relacionadas

Yolanda Díaz arroupa a Compostela Aberta no día grande da Ascensión

A vicepresidenta pediu o apoio para María Rozas nas eleccións do próximo día 28 “porque é a mostra dunha maneira de facer política en maiúsculas”

CA creará unha carteira pública de locais comerciais baleiros que serán postos en alugueiro a prezos taxados para comercio de interese municipal

María Rozas e Marta Lois presentaron as propostas de Compostela Aberta en materia de economía, emprego, industria e comercio

María Rozas preséntalle ao Club Financiero de Santiago as propostas de CA en materia de reindustrialización

A candidata de Compostela Aberta á alcaldía comprometeu a creación dunha Oficina de captación e retención de empresas “que facilite a burocracia aos empresarios e emprendedores”

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo