Compostela Aberta propón a elaboración dun plan de choque para o comercio local, orzado nun millón de euros

A concelleira Marta Lois pide que se habilite un fondo de emerxencia para manter o emprego no sector e se impulsen accións para a fidelización da clientela
  • CA insta aos propietarios de locais que acollan pequenos comercios a “condonar ou atrasar o cobro do alugueiro deste período, e ao Concello a buscar fórmulas de compensación”
  • O grupo municipal de CA valora positivamente as medidas fiscais anunciadas polo Goberno, pero reclama un novo calendario para o pagamento de impostos

Compostela Aberta vén de instar ao Goberno local a poñer en marcha un plan de choque para o comercio local, que permita manter o emprego no sector e reactivar a súa actividade ao remate do estado de alarma por mor do coronavirus. O grupo municipal pide que se destine un millón de euros a este plan, que debe contemplar tanto un fondo de emerxencia como a accións de fidelización. Ademais, e a máis longo prazo, CA reclama o deseño dun plan de dinamización do comercio de Santiago.

O grupo municipal de Compostela Aberta vén de facerlle chegar ao Goberno un documento cunha serie de propostas para rescatar a revitalizar o pequeno comercio, a restauración e as PEMES de Santiago, que completa ao que xa lle fora entregado ao alcalde o pasado 16 de marzo, con medidas concretas para combater a crise da COVID-19. O obxectivo, tal e como explicou a concelleira Marta Lois, é que “o Concello de Santiago poña en marcha accións que axuden á continuidade destas empresas, especialmente dos pequenos comercios, de calidade e de proximidade, que son os que constrúen vida de barrio e axudan a fixar poboación”. A vicevoceira de CA sinalou que “é preciso impulsar medidas urxentes, que partan do diálogo cos axentes económicos e sociais da cidade, e que recollan o xa avanzado no Plan estratéxico do comercio de Santiago 2017-2021”.

Plan de choque

Compostela Aberta reclama que o Goberno destine unha partida dun millón de euros a un plan de choque que debe ser posto en marcha ao remate do estado de alarma. CA pide que a maior parte desa contía, 700.000 euros, sexa destinada a un fondo de emerxencia para manter o emprego, nos seis meses seguintes ao levantamento do estado de alarma. En concreto, apuntou Marta Lois, “propóñense axudas para o mantemento da actividade e o emprego, e ao apoio de gastos como o de alugueiro, pagamentos a provedores, impostos, cota de autónomos ou pago de créditos”. Nesa liña, CA tamén insta aos propietarios de locais que acollan pequenos comercios “a condonar ou atrasar o cobro do alugueiro deste periodo do estado de alarma, e ao Concello a buscar fórmulas de compensación”.

O plan de choque completaríase coa posta en marcha de accións de fidelización do comercio local, ás que deberían destinarse un mínimo de 300.000 euros. Trataríase de impulsar bonos-promoción “que beneficien tanto aos comerciantes locais como ás familias, que creen estratexias para manter a clientela e para estimular a compra no comercio local”.

Plan de dinamización do comercio

A máis longo prazo, o grupo municipal de Compostela Aberta insta ao Goberno a deseñar un plan de dinamización do comercio, “que alongue as medidas de dicriminación positiva nos próximos anos, para favorecer ao comercio tradicional e de proximidade e para propiciar a apertura de novos establecementos deste tipo”. Ao abeiro dese plan, proponse a creación dun Observatorio do Comercio de Santiago, que, tal e como se aprobou no Pleno de xaneiro, favoreza o deseño de políticas públicas que garantan a preservación e diversidade do pequeno comercio; a aprobación dunha ordenanza reguladora para a protecicón do comercio tradicional, que recolla a posibilidade de decretar unha moratoria na abertura de tendas de recordos para turistas no ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica; e a posta en marcha dun plan de actualización e formación, para aumentar a competitividade do pequeno comercio. Dentro do plan de dinamización propónse, por último, a posta en marcha de campañas de sensibilización para promover un consumo social e ambientalmente sustentable, “que aposte polo produto local e o comercio de proximidade”.

Outras medidas económicas

No novo documento achegado ao Goberno, Compostela Aberta tamén urxe ao Goberno local a optimizar e axilizar a actividade económica do Concello, “para inxectar liquidez no tecido empresarial local”. Nesa liña, ínstase ao Executivo a “axilizar o pagamento a provedores, para non agravar as consecuencias desta crise nos prestadores de servizos, obras ou subiministracións do Concello, que son na súa maioría pequenas e medianas empresas”.

En materia fiscal, o grupo municipal de CA pídelle ao Goberno “que adapte a actual oficina tributaria para asesorar a empresas, con especial atención ao pequeno comercio, sobre as medidas de flexibilización e as exencións fiscais que poña en marcha o Concello por mor da crise da COVID-19. Nesa liña, Marta Lois sinalou que “Compostela Aberta valora positivamente os anuncios realizados polo alcalde en materia de fiscalidade, que son coincidentes coas nosas peticións en cuestións como o retorno da taxa das terrazas ou da recollida de residuos na parte correspondente ao período que dure o estado de alarma”. A concelleira explicou que “o noso grupo municipal entende que o Goberno debera de ter ido máis alá e modificar o calendario fiscal para o pagamento de impostos e taxas, tal e como se tén realizado xa noutras cidades galegas como A Coruña, Vigo, Pontevedra e Ferrol”.

Petición ao Estado

Por último, o grupo municipal de Compostela Aberta pídelle ao Goberno que inste ao Estado a permitir que o superávit municipal se destine á loita contra os efectos da crise da COVID-19. modificando a coñecida como Lei Montoro. Trátase, explicou Marta Lois, de que os gastos realizados polas entidades locais destinados a paliar as consecuencias da crise do coronavirus non computen a efectos da regra de gasto e que se poidan financiar con cargo ao remanente de tesouraría resultante da liquidación do orzamento, que deixaría de ter como finalidade preferente a amortización de débeda. Deste xeito, non se vería diminuída a capacidade municipal para novos investimentos financieramente sustentables, tamén con cargo a eses remanentes.

PODES CONSULTAR AQUÍ AS PROPOSTAS DE COMPOSTELA ABERTA PARA A REVITALIZACIÓN DO PEQUENO COMERCIO, A RESTAURACIÓN E AS PEMES TRAS A CRISE DO CORONAVIRUS

Novas
relacionadas

Yolanda Díaz arroupa a Compostela Aberta no día grande da Ascensión

A vicepresidenta pediu o apoio para María Rozas nas eleccións do próximo día 28 “porque é a mostra dunha maneira de facer política en maiúsculas”

CA creará unha carteira pública de locais comerciais baleiros que serán postos en alugueiro a prezos taxados para comercio de interese municipal

María Rozas e Marta Lois presentaron as propostas de Compostela Aberta en materia de economía, emprego, industria e comercio

María Rozas preséntalle ao Club Financiero de Santiago as propostas de CA en materia de reindustrialización

A candidata de Compostela Aberta á alcaldía comprometeu a creación dunha Oficina de captación e retención de empresas “que facilite a burocracia aos empresarios e emprendedores”

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo