• Branca Novoneyra reclama “unha atención transversal á mocidade, coa implicación dos diferentes departamentos municipais e a suficiente dotación orzamentaria” 

 Compostela Aberta levará ao Pleno do próximo xoves unha moción na que insta ao Goberno a elaborar e poñer en marcha un Plan Municipal de Xuventude, que lle dea resposta ás necesidades de emprego, vivenda, educación ou acceso á creación cultural das mozas e mozos de Santiago. A concelleira Branca Novoneyra defenderá a proposta, “que responde ao incremento das situacións de vulnerabilidade da xente nova, intensificado por mor da pandemia da Covid-19”.

Branca Novoneyra mostrou a súa preocupación pola situación na que se atopa a mocidade de Santiago, “que cada vez tén máis dificultades para vivir, para traballar e para construír o seu futuro, tal e como veñen denunciando diferentes colectivos, nomeadamente de estudantes”. Nesa liña, a concelleira referiuse á situación de desemprego e precarización laboral, agudizada pola crise da Covid-19; aos atrancos no acceso á vivenda de alugueiro, e tamén ás dificultades para financiar a súa formación ou para acceder á creación cultural. Fronte a todo iso, Novoneyra urxiu a posta en marcha dun Plan Municipal de Xuventude, no que estean implicadas transversalmente todas as áreas de goberno, “que deben poñer a mocidade como colectivo prioritario nas súas políticas”.

A concelleira incidiu en que “este plan debe ser ambicioso e estar dotado de orzamento nos diferentes departamentos municipais, porque é preciso un salto cuantitativo e cualitativo desde a actual situación, na que o Concello destina poucomáis de 100.000 euros ás actividades do departamento de Xuventude e menos de 145.000 euros ao Centro Xove da Almáciga”. Por iso, a moción que Compostela Aberta levará ao Pleno do xoves insta ao Goberno, en concreto, á elaboración, dotación orzamentaria e posta en marcha dun ‘Plan Municipal de Xuventude’ no que se impliquen transversalmente diferentes áreas do goberno municipal para poder dar conxuntamente resposta ás necesidades de emprego, vivenda, educación e acceso á creación cultural das mozas e mozos de Santiago.

PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DE CA PARA A ELABORACIÓN E POSTA EN MARCHA DUN PLAN MUNICIPAL DE XUVENTUDE

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies