CA reclama un tren de proximidade “que axude a unha mobilidade máis sostible e contribúa á vertebración territorial”

Xan Duro advirte que a posta en funcionamento do AVE a Madrid “non pode facernos esquecer as moitas carencias que ten Galicia en materia ferroviaria”
  • CA leva ao Pleno as demandas da Coordinadora Galega polo Tren Público Social e Sostible

Compostela Aberta advertiu hoxe que “a posta en funcionamento, por fin, do tren de alta velocidade non pode facernos esquecer demandas históricas e compromisos incumpridos con Galicia como a creación dun servizo de tren de proximidade que axude a vertebrar o país e que se converta nunha verdadeira alternativa para un modelo de mobilidade máis sostible”. Así o explicou o concelleiro Xan Duro, que lembrou que “a nosa é a única comunidade do litoral da península que non dispón deste servizo de ferrocarril de proximidade, e unha das que máis sufriu as consecuencias de que os investimentos en materia ferroviaria ficasen reducidos tan só ás liñas do AVE, coa redución de horarios e frecuencias nas liñas convencionais”.

Tal e como está anunciado, o próximo luns terá lugar a viaxe inaugural da liña do AVE Madrid-Galicia, na que participarán representantes dos Gobernos central e autonómico e tamén o alcalde de Santiago. Para Compostela Aberta, “a chegada da Alta Velocidade, iso sí, despois de 18 anos de proxectos, obras e anuncios, non pode facernos esquecer as carencias que temos en materia ferroviaria, que supoñen unha enorme perda de oportunidades e repercuten moi negativamente na cidadanía”.  Xan Duro lembrou que, tal e como denuncia a Coordinadora Galega polo Tren Público Social e Sostible, “o esforzo orzamentario que se fixo no AVE foi a costa dun completo abandono doutros servizos, e iso acabou motivando a redución das frecuencias nas liñas que unen Galicia coa Meseta ou con Portugal, o incremento dos prezos das liñas de longa distancia e, sobre todo, a supresión dos trens rexionais”. Estas liñas de proximidade, apuntou o concelleiro de Compostela Aberta, “deberan ser consideradas estratéxicas para termos unha mobilidade máis sostible desde o punto de vista económico e, sobre todo, ambiental, porque o ferrocarril é un dos modos de transporte con menores emisións que, ben planificado desde unha óptica da proximidade, podería converterse nunha alternativa real ao transporte por estrada, tamén para as mercadorías”. En definitiva, explicou o edil, “o ministerio de Fomento debe mudar as políticas dos últimos anos, que supuxeron o peche de ducias de estacións e a supresión de máis dun milleiro de paradas de tren en Galicia”.

Vertebración territorial

Ademais, Xan Duro incidiu no papel que debera xogar o tren de proximidade na vertebración do territorio, “sacando do illamento a determinadas vilas e mesmo zonas rurais, e contribuíndo a paliar o baleirado destes núcleos”. Por iso, o concelleiro de CA apostou pola creación dunha rede de trens de proximidade en Galicia, “na que Santiago contara cando menos cunha liña a Vigo e A Coruña, e outra a Ourense, pasando polo Carballiño”.

Compostela Aberta levará ao próximo Pleno as demandas da Coordinadora Galega polo Tren Público Social e Sostible, que vén de aprobar un manifesto no que, entre outras moidas medidas, reclama que se free a eliminación progresiva dos servizos de transporte ferroviario, se incrementen os investimentos na renovación das liñas do tren convencional, se redeseñe a oferta de servizos das empresas ferroviarias públicas para garantir as conexións dos servizos rexionais cos de grandes distancias, e que se garanta o acceso universal ao tren ás persoas usuarias, tamén en termos de asequibilidade.

Arquivado en:Plenoxan duro
Documentación
relacionada
MOCIÓN DE COMPOSTELA ABERTA POR UN TREN QUE VERTEBRE O TERRITORIO E ARREFRÍE O PLANETA
Novas
relacionadas

“Nos primeiros cen días de Goberno atendimos urxencias como a dos autobuses, recuperamos o diálogo social, e reconducimos o proxecto do Centro de Persoas sen Fogar” 

O Goberno mantivo un encontro cos medios de comunicación para facer balace dos cen primeiros días de mandato

María Rozas: “Asinamos un bo acordo para Santiago, que atende ao que nos pediu a veciñanza: un goberno de esquerdas e plural”

Compostela Aberta e BNG asinaron as bases do acordo de goberno transformador para Santiago durante o mandato 2023-2027

Compostela Aberta pídelle ao Goberno que medie no conflito do lixo

María Rozas e Xan Duro reuníronse esta tarde co Comité de empresa de Urbaser “que leva meses advertido do incumprimento dos seus dereitos, ante a inacción de Bugallo”

María Rozas: “No próximo mandato hai que tomar decisións sobre a auga, e CA non renuncia á xestión directa nin permitirá que gobernen as concesionarias”

A candidata de CA á alcaldía e o número 2, Xan Duro, insisten en que “hai que continuar o camiño iniciado no pasado mandato, porque hai datos que avalan que a xestión directa é o mellor modelo para os intereses da veciñanza”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo