- O concelleiro de CA sinala que o propio SERGAS recoñece que é preciso buscar unha solución ao aparcamento nas inmediacións do CHUS
Compostela Aberta urxiu hoxe a Bugallo a que “abandone a súa eterna submisión á Xunta do PP, traballe en prol dos intereses da veciñanza de Santiago e reclame ao Goberno galego solucións para o problema de aparcamento no Hospital Clínico, que se vai ver agudizado pola ampliación das instalacións sanitarias”. O concelleiro de CA Jorge Duarte lembroulle ao alcalde que o Concello tén aprobado desde o ano 2017 o estudo de detalle dunha parcela próxima ao CHUS na que se pode construír un estacionamento público, e pediulle que retome a petición que no pasado mandato o Goberno de CA lle realizou a Feijóo para que sexa o Goberno galego quen financie a actuación.
Jorge Duarte cualificou de “enormemente sorprendente que o alcalde de Santiago, en lugar de esixir solucións, anuncie a súa intención de modificar o PXOM para que sexa menos esixente no que tén que ver coa dotación de prazas de aparcamento no contorno do hospital”. Nesa liña, considerou demagóxicas as declaracións de Bugallo “que quere facernos crer que temos que elixir entre quirófanos ou prazas de estacionamento, cando a realidade é que hai terreo para habilitar un novo parking, que teña unha xestión pública e uns prezos asequibles, e o único necesario é que a Xunta se comprometa coa súa construción”.
Parcela dispoñible,
O concelleiro de Compostela Aberta lembrou que no pasado mandato aprobouse o estudo de detalle dunha parcela municipal situada no contorno da Hospital Clínico, na que se pode construir un aparcamento cunhas 500 prazas distribuídas en tres plantas. Na parte superior do estacionamento prevíase o acondicionamento dunha praza, que podería servir de conexión peonil co hospital. Os terreos, situados ao carón do CIMUS, fóronlle ofertados á Xunta de Galicia en reiteradas ocasións para que asumira a construción do aparcamento, “tendo en conta que xa existe un grave problema de estacionamento no contorno do hospital, que lle xera graves problemas aos doentes e ás súas familias que teñen como única alternativa un parking privado cunhas tarifas desorbitadas”. O edil urxiu a Bugallo “a exercer a presión que debe exercer para que ese aparcamento vexa a luz, e a deixar de dar por bo todo o que diga Feijóo ainda que sexa contrario aos intereses da veciñanza á que se debe como alcalde de Santiago”
Responsabilidade da Xunta
Duarte lembrou que “o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago dálle servizo a unha área de poboación de case 400.000 habitantes, e por iso entendemos que dotalo do aparcamento necesario non é unha obriga exclusiva do Concello de Santiago”. Nesa liña, apuntou que o propio Plan Funcional para a ampliación do Hospital Clínico, aprobado pola Xerencia da Xestión Integrada da Área de Santiago do SERGAS, sinala que “a ampliación prevista para o Hospital Clínico debido á súa localización implica a supresión dalgunhas prazas de aparcamento en superficie. O que vén a reducir un recurso xa escaso de por sí no Hospital Clínico (…) É por iso que, ainda que dentro do proxecto de ampliación non está prevista a construción de áreas de aparcamento, sí debera terse en conta a futuro unha solución global para este servizo”.
Para Duarte, “no pasado mandato o Goberno de CA fixo os deberes dando os pasos previos para posibilitar a construción dun novo aparcamento nunha parcela municipal, e a Xunta nin quixo asumir ese proxecto nin cumpriu o seu compromiso para reordenar o aparcadoiro e a mobilidade no actual estacionamento do CHUS”. Por iso, incidiu o edil, “Bugallo debe facer agora o seu traballo, que non é tan só modificar o PXOM para facilitarlle as cousas ao Goberno de Feijóo e dificultarllas aínda máis á cidadanía”.