- Martiño Noriega lembra que “na crise da Covid-19 hai que actuar seguindo criterios de oportunidade en saúde pública e non criterios propagandísticos”
Martiño Noriega insistiu hoxe en que “a instalación dun hospital de campaña nun polideportivo debe ser a última opción para atender á poboación afectada polo coronavirus, únicamente se non quedan camas dispoñibles nos hospitais públicos e privados de Santiago”. O portavoz de Compostela Aberta, e candidato de Galicia en Común-Anova Mareas lamentou que “o presidente da Xunta reitere onte a súa intención de abrir esas instalacións en Sar, mentres segue sen aclarar se o Goberno galego vai utilizar nesta crise da Covid-19 todos os recursos xa dispoñibles, e que permitirían unha mellor atención ás persoas doentes”. Para Noriega, “os anuncios de Feijóo teñen moito que ver con criterios propagandísticos, máis que con criterios de oportunidade en saúde pública”.
Martiño Noriega referiuse hoxe ao anuncio realizado polo presidente da Xunta, quen onte avanzou nos seus plans para instalar un hospital de campaña no Multiusos Fontes do Sar, con entre 100 e 150 camas. Para o integrante da coalición Galicia en Común-Anova Mareas, “o primeiro que debe facer Feijóo é aclarar que recursos dos hospitais públicos e privados de Santiago se están a utilizar para facerlle fronte á pandemia, porque cremos que ainda hai marxe nestes equipamentos, que garantirían unha mellor atención ás persoas contaxiadas polo coronavirus”.
Aproveitar os recursos existentes
Nesa liña, Noriega apuntou que “cónstanos que non hai saturación nin no Clínico nin no Provincial de Conxo, e descoñecemos se a Xunta tén previsto utilizar o hospital Gil Casares”. No caso concreto deste centro, moi próximo ao propio Hospital Clínico, o tamén portavoz de Compostela Aberta lembrou que ”ata finais de 2019 acollía a Unidade de Paliativos que foi trasladada ao Provincial de Conxo, e que chegou a ter 35 camas”. Xa que logo, insiste Noriega, “falamos dun centro que está preparado para acoller enfermos e enfermas, nunhas condicións moito máis dignas que calquera polideportivo”.
Noriega insistiu tamén en que “Feijóo debe facer efectiva a intervención dos hospitais privados, porque o certo é que mentres el fala de instalar hospitais de campaña nun polideportivo son tan só nove as persoas con coronavirus ingresadas nos centros privados de Santiago”. Para o candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, “é incomprensible que o presidente da Xunta non bote man das preto de 120 camas que suman os hospitais da Rosaleda e da Esperanza, xestionados ambos pola empresa HM e que só teñen a 9 persoas ingresadas con coronavirus, e insista en instalar entre 100 e 150 camas no pavillón de Sar”.
O tamén portavoz de Compostela Aberta pediulle a Feijóo “que evite repetir os erros que se están a ver nestes días en Madrid, onde o persoal do hospital de campaña habilitado en IFEMA está a denunciar a pouca seguridade para os profesionais, a mala loxística, e a escaseza de recursos materiais no recinto ferial”. Nesa liña, Noriega tamén apuntou que “non se entende que o presidente da Xunta queira abrir un hospital de campaña para o que di que non haberá novo persoal, senón que se detraerán recursos humanos dunha Atención Primaria que está a ser infrautilizada nesta crise, e dunha atención especializada que nestes momentos tén moita carga de traballo”.
Galicia en Común-Anova Mareas require máis información
Tamén o voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas urxiu á Xunta a facer efectiva de inmediato a intervención dos hospitais privados de Galicia anunciada por Alberto Núñez Feijóo para que todos os seus recursos “permanezan a disposición do sistema público de saúde mentres dure a emerxencia sanitaria”. Antón Gómez Reino sinalou que “levamos varios días pedíndollo, por fin anunciou que o vai facer, pero falta o máis importante: facelo e tomar o control da situación”. O candidato da coalición demandoulle a Feijóo que “deixe de pensar na propaganda e exerza as súas competencias, que use todos os recursos da sanidade pública e poña xa a disposición do ben común as case 2.300 camas e os máis de 2.300 profesionais sanitarios dos 22 centros privados do país ata que gañemos a batalla contra o virus”.
Gómez Reino subliñou que, á marxe dos medios humanos e materiais que se destinen á diagnose e tratamento dos doentes afectados polo Covid-19, os hospitais privados integran recursos como salas cirúrxicas e de urxencias e equipos de diagnóstico de alta tecnoloxía “que tamén teñen que estar a disposición dun sistema público de saúde colapsado e lastrado por lustros de recortes en investimento e persoal”. O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas insistíu na necesidade de dar conta da situación porque “antes de lanzarse a calquera aventura de hospitais de campaña, a Xunta ten que dar conta do grao de ocupación de todos os hospitais públicos e privados de Galicia, porque non pode haber camas libres nos hospitais e facer que os pacientes durman en recintos feirais ou pavillóns deportivos.