Branca Novoneyra avoga porque o Concello prepare a candidatura de Santiago á rede de Cidades Creativas da Música da UNESCO

A concelleira de Compostela Aberta sostén que “a capital galega téno todo para obter ese recoñecemento, que sería un pulo en tempos de incerteza para o sector”

Compostela Aberta pediralle no próximo Pleno ao Goberno local que inicie as xestións necesarias para presentar a candidatura de Santiago para ser recoñecida pola UNESCO como Cidade Creativa da Música. A concelleira Branca Novoneyra incidiu en que “Compostela téno todo para optar a esa distinción, para consolidarse como territorio musical de referencia, e para facer dese recoñecemento un  valor para un sector que afronta momentos de precariedade, incerteza e medo despois da pandemia da Covid”,

A Rede de Cidades Creativas da UNESCO creouse en 2004 para promover a cooperación entre as cidades que identifican a creatividade como factor estratéxico de desenvolvemento urbano sostible. A rede conta con diferentes áreas, como son a Literatura, a Gastronomía, o Cine ou a Música. Na moción que levará ao Pleno deste mes, Branca Novoneyra insta ao Goberno a presentar a candidatura de Santiago na categoría de Música, “porque a nosa identidade está fortemente ligada á música como valor cultural vivo no territorio”. Nese sentido, a concelleira referiuse á importante presenza e tradición musical na capital de Galicia, “que se traduce en iniciativas públicas e privadas relacionadas  co ensino, como o Conservatorio Profesional ou a Escola Municipal de Música; con entidades profesionais como a Real Filharmonía ou a Banda Municipal; con agrupacións de música e danza tradicional centenarias, cos numerosos festivais vinculados a Santiago, ou coa importancia que a música ao vivo sempre tivo na nosa cidade”.

Pulo en tempos de incertezas

Branca Novoneyra sinalou que a última convocatoria da UNESCO en relación á Rede de Cidades Creativas foi deste ano, “polo que Santiago tería un prazo de dous anos para traballar unha candidatura solvente de cara á próxima convocatoria, que se prevé para 2023”. A concelleira de Compostela Aberta incidiu en que este recoñecemento “podería servir de pulo para o sector cultural, nun momento de incertezas despois da crise da Covid”. Ademais, mostrouse convencida de que “permitiría tamén reorientar o apoio á música por parte das institucións públicas, unha reflexión que se fai necesaria tendo en conta o actual contexto da pandemia, marcado polas restricións no aforo e os protocolos sanitarios e plans de seguridade que se traducen en maiores gastos de produción”. Nesa liña, Novoneyra incidiu en que “é preciso que o Concello de Santiago retome a música ao vivo como elemento da nosa singularidade e da identidade de Santiago, e procure fórmulas para garantir a oferta que sempre tivo a capital do país”

A concelleira de CA incidiu en que a capital galega “parte dunha boa posición para candidatarse á Rede de Cidades Creativas da UNESCO no eido da música, porque conta con espazos importantes como o Auditorio, diversidade de festivais, potencia autoral, e moito traballo feito para obter ese recoñecemento, co que non conta ningunha cidade galega”. No estado español, sinalou Novoneyra, só Lliria e Sevilla integran a rede na categoría de música, desde os anos 2019 e 2016 respectivamente.

PODES LER AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA QUE SANTIAGO DE COMPOSTELA SEXA NOMEADA CIDADE CREATIVA DA MÚSICA

Novas
relacionadas

Branca Novoneyra: “O Goberno de Bugallo ten unha última oportunidade para autocorrixirse e apostar polos artistas locais na programación das festas”

Compostela Aberta leva ao Pleno unha moción para esixir un plan de contratación de artistas e empresas culturais locais para a Ascensión e o Apóstolo, cunha dotación mínima de 250.000 euros

CA reitera o seu apoio á creación dun Conservatorio Profesional de Danza en Santiago

María Rozas e Branca Novoneyra reuníronse coas representantes da Plataforma que leva anos reclamando este centro “para o que existe unha enorme demanda en Compostela”

CA reclama a redacción do I Plan Estratéxico da Cultura

Branca Novoneyra denuncia que Santiago caeu ao posto 15 no informe “Lo mejor de la Cultura 2022”, no que ocupaba o posto 10 en 2016

Compostela Aberta denuncia o fracaso da convocatoria de axudas para actividades culturais, con só tres entidades beneficiarias

Branca Novoneyra reclama un plan de formación para as asociacións culturais, “porque non é asumible que só 3 entidades reciban este tipo de axudas e queden sen gastar 30.000 euros”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo