A portavoz municipal de Compostela Aberta instou hoxe ao Goberno local a retomar a celebración do Festival de San Xoán da Praza de Mazarelos, impulsado durante o pasado mandato e organizado a través de Incolsa. Marta Lois lamentou “a falta de ideas deste Goberno, que se escuda na Covid para non desenvolver iniciativas que se estaban consolidando na cidade, e que se poderían desenvolver atendendo aos protocolos sanitarios”. Para a concelleira, “despois de ano e media de pandemia, seguimos sen saber cal é o traballo e cales son os plans de Turismo de Santiago máis alá de encomendarse ao Xacobeo”.
Marta Lois lembrou que, durante o pasado mandato, o Goberno organizou, a través de Incolsa e en colaboración coa asociación Hostalería Compostela, un programa municipal que tiña como obxectivo “potenciar o atractivo turístico de Santiago e poñer en valor as festas de San Xoán, que teñen unha gran tradición en Compostela”. A portavoz municipal de CA sinalou que “ainda que a situación sanitaria desaconselle a celebración das cacharelas nos espazos públicos, o Goberno debera procurar alternativas, que ademais de servir de atractivo turístico permitirían tamén que retomaran certa actividade colectivos de artistas e artesáns que en anos anteriores participaran nesta celebración de Mazarelos”.
A portavoz de CA mostrou o seu convencemento de que “se hai vontade política, Incolsa está aínda a tempo de organizar un programa atractivo, similar ao de anos anteriores, nos que a praza de Mazarelos acolleu actividades como un mercado tradicional, obradoiros para a posta en valor das tradicións de San Xoán, unha área gastronómica, ou actividades culturais como contacontos”. No marco deste festival tamén se organizaban visitas guiadas para a recollida de herbas de San Xoán, “outra actividade que sería perfectamente compatible cos protocolos sanitarios polos que debemos rexirnos en tempos de pandemia”.